A quinta edición de Xeración Sónica continuará elevando a canteira da nova música pontevedresa que está por vir

53
Xa está aberto o prazo de solicitude, tendo a posibilidade de participar preto de 60 rapaces e rapazas de todo o municipio

Dentro do programa contémplase a titorización de proxectos artísticos coa música como base, incluíndo ensaios, composición, gravación, produción… Todo un conglomerado de experiencias 

Xeración Sónica é unha iniciativa de titorización de proxectos artísticos musicais e audiovisuais, impulsada pola Concellaría de Xuventude e que ten un carácter educativo, cultural e artístico, empregando a música como elemento de cohesión social e de inclusión. Este curso 2022-2023 alcanza a súa quinta edición cun éxito ao longo dos anos máis que evidente, axudando na formación de bandas e artistas que lograron atopar xa o seu camiño e forman parte da escena musical galega.

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou hoxe, xunto a Violeta Mosquera, profesora  en Bonobo e unha das artífices deste proxecto, a apertura de solicitudes. A recepción estará dispoñíbel entre o 4 e o 10 de outubro deste ano, se ben cóntase cun máximo de 60 —unha vez se acade esa cifra serán pechadas—.

O programa está destinado a rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos, tendo a súa base no Local de Música, en diferentes horarios de tarde, ocupando os meses de outubro até xuño, imitando case o curso escolar. Durante ese tempo non se establecen só rutinas de ensaio, senón que se afonda na socialización, a organización interna dun grupo, a gravación musical e audiovisual, etcétera.

«É un proxecto que levamos promovendo desde o ano 2018, e cuxas inscricións están xa abertas en https://apuntate.pontevedra.gal/», sinalou Oubiña. «Farase unha selección logo da recepción de solicitudes para atopar as persoas máis acaídas para crear as seis bandas que titoriza o proxecto, que, realmente, parten de cero, polo que precisan certo coñecemento musical».

Que novidades inclúe a nova edición de Xeración Sónica? «Estamos traballando en novas canles de promoción. Houbo diversas aportacións que funcionaron moi ben o ano pasado, mais este ano tamén queremos contar coa inclusión de creadoras de contido que nos axuden a espallar o feito neste proxecto. Tamén será realizado un falangullo (podcast) con distintos programas que faga máis accesíbel este proxecto», explicou o edil de Xuventude.

Doutra banda, Oubiña tamén comentou a existencia de conversas coa Universidade de Vigo, coa facultade de Ciencias da Comunicación, co fin de facer vídeos, tecer redes de traballo e prácticas reais, que sirva tanto ao proxecto como ao alumnado. «Agardamos contar con obradoiros formativos, co fin de dixitalizar todo o que se faga».

Pola súa banda, Violeta Mosquera fixo fincapé na renovación que trae esta edición, xa que das 6seisbandas a formar, catro delas serán totalmente novas, o que suporá «unha entrada moi potente de nova mocidade e a creación de novos proxectos súper interesantes». «Ímonos manter na liña de compaxinar creación e composición musical a todos niveis, mesturando tamén ensaios con gravacións, uso de ferramentas dixitais, creación colectiva, formación… Queremos que os rapaces e rapaces acaden a maior autonomía posíbel, que non sexan tan dependentes como nos ocorreu ás anteriores xeracións, que era moito máis complicado acceder a este tipo de soportes, coñecer a produción musical e aplicala».

Tal e como vén sendo habitual, será posíbel, a medida que avancen os meses, ver a algunhas destas bandas formar parte do cartel de festivais locais xa relevantes e instaurados, como o Galegote Rock ou o Surfing the Lérez, eventos que contan cun público numeroso e que se converten en auténticas experiencias para a cativada. 

Unha evolución máis que notable

O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, aproveitou a presentación para facer un pequeno resumen das anteriores edicións e do seu éxito en forma de bandas e proxectos que hoxe gozan dunha autonomía de seu e dun chamamento real dentro do panorama cultural.

O ano pasado diversas bandas formaron parte do programa: Karonte, Vermes, Maloserá, Haku e Simpson Head. Estas agrupacións traballaron arreo, soando nas plataformas dixitais, subindo a un escenario ou facendo entrevistas en medios coma Vinte (Praza). 

«Houbo bandas como Haku que comezaron o seu traballo xa en próximos discos, dun xeito independente», explicou Oubiña. «Todas esta creatividade na mocidade foi dando os seus froitos, e vemos como bandas xa están polos circuítos profesionais ou semi profesionais, como Haku, que gañou o Ben Veñas Maio, segundo premio no Música nas Letras e colaboraron coa compañía de teatro Voadora. Mushu actuou no Atlantic Fest. Rebel Spirits actuaron en varios festivais, gravaron en Planta Sónica. Nee Barros traballou en proxectos de estudio e composición con Arte Calavera e comeza a dar pasos como traballador na xestión cultural», resume o edil.