Máis tempo libre e máis Ganapán no Mercado de Abastos

12
  • Ademais da oferta de talleres para as xornadas do sábado 8 e o domingo 9, os nenos e nenas de 4 a 10 anos tamén poderán desfrutar de obradoiros o mércores 12, festivo do Día da Hispanidade
  • Entre as actividades inclúense talleres de elaboración de donuts veganos, empanadillas de cogomelos e xamón e cookies de avea e limón

A festividade do Día da Hispanidade está á volta da esquina, o que supón máis tempo de descanso e máis Ganapán para os nenos e nenas da nosa cidade. O programa de lecer infantil impulsado no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, ampliará a súa ‘clásica’ oferta de obradoiros de fin de semana cunha xornada de diversión que se celebrará o mércores 12 de outubro.

Para abrir boca (e nunca mellor dito), os rapaces que participen no Ganapán o sábado 8 de outubro poderán elaborar unha receita duns donuts veganos lixeiros e esponxosos, cubertos cun delicioso chocolate, así como deseñar uns coloridos gatiños con tubos de cartón. Tal e como avanza Yoya Blanco, “o entretemento continuará o domingo 9 de outubro cun obradoiro no que os pequenos poderán cociñar empanadillas de cogomelos e xamón e outro no que farán unhas variñas máxicas inspiradas na natureza, ideais para fadas, magos e meigas”.


“Aproveitando a festividade da Hispanidade  -sinala a concelleira do PSOE-, O Ganapán, destinado a nenos e nenas de 4 a 10 anos, terá unha xornada extra na que os asistentes terán ocasión de aprender unha receita xenial para acompañar o almorzo ou a merenda: cookies de avea e limón. Ademais, no eido máis creativo, a rapazada tamén participará nun taller de creación de paxaros arco iris”.


Todos aqueles nenos e nenas que desexen tomar parte nas actividades deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando na mensaxe se padecen algunha alerxia ou intolerancia. Recoméndase portar friameira para levar a casa as receitas cociñadas.