O aumento do IPC e os custes enerxéticos elevan o novo contrato de xestión de residuos de Pontevedra até os 11,6 millóns de euros

18
Este futuro contrato suporá un cambio de paradigma e unha transformación total no eido da xestión de residuos municipais

O edil Raimundo González lembra que o obxectivo desta revisión e atraer ao maior número de operadores posíbel a optar por el, e converterá os residuos nun recurso máis 

O concelleiro responsábel de Residuos, Raimundo González. compareceu na mañá de hoxe, 4 de outubro, para dar conta da actualización do estudo económico-financeiro, de viabilidade e o anteproxecto de explotación do contrato de concesión de servizo público de xestión de residuos de competencia municipal.

«O incremente desmesurado do IPC, xunto coa incertidume económica que isto provoca que está a manifestarse tamén nos custes de persoal; igual que os custes enerxéticos e o incremento no prezo dos bens industrias levounos a resetear o estudio económico para facelo de novo», indicou González. «É unha decisión tomada unha vez recibido o informe da Oficina Nacional de Evaluación (ONE) que analiza a sustentabilidade dos contratos de concesión de servizos públicos».

En palabras do edil de Residuos, o informe podía ser incorporado «e nada máis», xa que non é vinculante, e viña a dicir que o período de amortización da concesión era de 16 anos, sendo a duración do contrato de vinte anos, polo que había unha discordancia entre a recuperación do investimento e o duración do contrato. «De todos os xeitos, tivemos unha reunión cos diferentes técnicos do Concello encargados deste asunto, para analizar e ver a implicación da nova lei. O servizo xestor estimou que era necesario refacer o estudo económico porque houbera, desde a data de elaboración até ese momento, un aumento substancial do IPC».

O novo estudio económico xa está feito e o importe do contrato pasa dos 10.700.000 euros, até os 11.670.000 euros. «De onde sae este millón de euros a maiores? Do novo convenio colectivo, que supón xa case 700 mil euros de incremento; os custes dos carburantes e, tamén, o dos bens industriais. É un contrato intensivo en man de obra, polo que non é unha sorpresa».

Ao mesmo tempo, aproveitouse ese reinicio para adaptar o informe da ONE e «agora a recuperación do investimento e a duración do contrato quedan ambos os dous en vinte anos». 

En todo caso, as prestacións do contrato, ademais do tratamento dos residuos, non notarán «un ápice» de variación do que había con anterioridade, tal e como indicou González. «É dicir, se tomamos como referencia o que podemos chamar borrador anterior, non hai ningún cambio no que se refire a rutas, recuperacións, compostaxe, centros comunitarios, individuais, etcétera. Todo continúa igual nese sentido»-

O edil lembrou que este é o contrato máis  grande do Concello «con diferencia» e o interese da Administración é que se presente o maior número de operadores posíbeis, independetemente de que logo haxa baixas ou non, mais o prezo inicial de saída non debe retraer a certos operadores á hora de se presentar. «Este contrato suporá un cambio radical, unha transformación total e un cambio de paradigma na xestión de residuos municipais. Dunha banda, pasa a considerarse o residuo como un recurso; doutra banda, a diminución da pegada de carbono de xeitos substancial».

Xusto despois da rolda de prensa, en Xunta de Goberno, foi acordado o inicio de novo de todo este procedemento, reiniciando parte do proceso administrativo, para volver enviarlle o estudo a ONE e continuar con todos os pasos necesarios para aprobación, licitación e posterior posta en marcha do novo contrato.