A ameixa do chef de El Cafetín proclámase gañadora da II Batalla das Cunchas

112
  • A Festa das Cunchas inaugura o seu Mercado na Praza de España cunha competición na que os cociñeiros de Pontevedra amosan o seu desbordante talento
  • Na contenda tamén participaron Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula (zamburiña); Antonio Novas, de Loaira (ostrón); Marta García, de Meigas Fóra (navalla); Marta Santiago, de A Fervella (mexillón); Carlos Barreira, de Bocarte (berberecho), e Felipe Osorio e Bárbara Gabriela, de Lulo Gastrogrill (vieira)

A II Batalla das Cucnhas serviu esta tarde como acto inaugural do Mercado das Cunchas, que permanecerá aberto ata o domingo 9 de outubro na carpa instalada na Praza de España en horario de 12:00 a 00:00 horas (de xeito ininterrompido). Nunha contenda que serviu para amosar o desbordante talento dos nosos cociñeiros, o xurado optou finalmente por proclamar vencedora á ameixa, grazas a unha receta elaborada polo chef de El Cafetín, Rubén González Vallejo.

Ademais de González Vallejo, completaron este ‘all star’ de chefs que forman parte da Banda Cociñas de Pontevedra:


– Vicente Tortajada, de La Culpa de la Gula: zamburiña

– Antonio Novas, de Loaira (en representación de Iñaki Bretal): ostrón


– Marta García, de Meigas Fóra: navalla


– Marta Santiago, de A Fervella: mexillón


– Carlos Barreira, de Bocarte: berberecho


– Felipe Osorio e Bárbara Gabriela, de Lulo Gastrogrill (convidados pola Banda Cociñas de Pontevedra): vieira

As súas receitas foron degustadas e valoradas por un esixente xurado conformado por: 


– Os profesores Juan Ferradás e Marcel Schall, do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza


– Eva Lantarón, vicerreitora do Campus Universitario de Pontevedra


– Óscar de Toro, barista compostelán con varios premios tanto neste eido como en tiraxe de cervexa


– Marga Pazos, da firma especializada en proxectos gastronómicos Carta Blanca


– Julio Oubiña, chef e propietario da Quinta de San Amaro


– Álex Espiño, xornalista de Pontevedra Viva


– Valeria Giráldez, da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje) de Pontevedra

A Batalla das Cunchas, que na súa primeira edición gañou a navalla (defendida por Sergio Roma, de O Souto) e tivo como mestre de cerimonias ao prestixioso e televisivo chef Carlos Maldonado (ata a data único cociñeiro saído do programa Masterchef en obter unha Estrela Michelin), foi conducida este ano polo recoñecido escritor Manel Loureiro e presentada pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes. 


A Festa das Cunchas ten neste 2022 un sabor moi especial, ao enmarcarse no sprint final da candidatura de Pontevedra para converterse en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023. Está previsto que o xurado deliberador se reúna o 16 de novembro en Madrid para dar a coñecer o nome da urbe gañadora, nunha carreira que lle disputan á nosa cidade Oviedo e Cuenca.

Entre as actividades programadas para a xornada de hoxe inclúese a entrega ao CIFP Carlos Oroza do premio Loureiro de Ouro, en recoñecemento á súa importante traxectoria no eido da cociña e a gastronomía. O acto estará presidido por Yoya Blanco e Iván Puentes e terá lugar ás 12:00 horas.