Ponteatro bota a andar este xoves 6 no Principal con ‘As que limpan’, coas localidades xa esgotadas no patio de butacas

70
O ciclo, que esgotou tamén a venda de abonos contará con 6 espectáculos que terán lugar ata o 10 de novembro
As entradas para cada espectáculo a un prezo de 8€ (4€ para estudantes, desempregados e maiores de 65) están á venda en Ataquilla.com e de non esgotarse, 1h. antes na billeteira do Teatro

Unha nova edición do ciclo Ponteatro terá lugar entre o vindeiro xoves 6 de outubro e o 10 de novembro, ás 21h. no Teatro Principal. A encargada de abrir o ciclo será ‘ As que limpan’ de A panadaría para a que apenas quedan 50 localidades no anfiteatro.

A boa acollida do evento teatral fixo que se esgotaran o 50 abonos que se puxeron á venda a un prezo de 32€ e na actualidade só é posible mercar entradas soltas para cada función a partir de 4€ en Ataquilla.com ou unha hora antes do espectáculo na billeteira do Principal, de non esgotarse na venda online.

A QUE LIMPAN

6 OUT. AS QUE LIMPAN de A Panadaría

Un cartel pendurado no manubrio da porta. “Por favor, arranxe o cuarto”. Ao regreso da praia, as camas feitas,as toallas limpas e o baño impoluto. Son as que limpan, as invisibles que carretan ao lombo un sistema turístico precarizador. Unha sátira utópica inspirada na loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguiren uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes. Con Areta Boado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.

  • Premio do Público na Mostra de Teatro Galego de Cariño
  • Premio ao Mellor Espectáculo de Sala na Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo 2022

13 OUT. O PÉNDULO de Inversa Teatro

Obra de teatro-documento sobre como se desenvolveron a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. Marta Pérez, co-dramaturga e actriz, fai unha aproximación á historia desde o persoal. Trasládanos a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, membro do partido socialista e republicano que foi apresado e fusilado no ano 1936 xunto ós seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Con eles foi prendida tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza —membro de Esquerda Republicana— e a única muller que exerceu este cargo en Galicia durante a Segunda República.

Con Marta Pérez, Rosa Puga e Nerea Brey. Dirixe Carlos Álvarez-Ossorio.

  • Premio do público ao mellor espectáculo. FETEGA 2022

20 OUT. GOLFA de Crémilo

Amanda recibe un terrible acoso virtual que leva a seus pais a denunciar a posible autoría de Fran. Todo se revoluciona cando a nai de Fran, Vicky, aparece na porta de entrada do instituto e insulta gravemente a Amanda utilizando unha palabra moi concreta: golfa. Detrás dun insulto poden agocharse algúns dos males que nos asolan como sociedade.

Comedia transmedia que, desde as artes escénicas, trata a sexualidade. Con Fran Cantos/Pedro Rubio, Ana Varela, María Rivera/Mercedes Borges e Ninton Sánchez/Álvaro Sanchís. Dirixe José Padilla.

27 OUT. O PORCO DE PÉ de Excéntricas

O porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a súa superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serraduras, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo…

Unha versión de Pepe Sendón dirixida por Quico Cadaval con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo.

3 NOV. CIGARREIRAS de Contraproduccións

Baseado en La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, é unha proposta dramatúrxica audaz que, con sete actrices en escena, conxuga o ton propio dun drama individual e colectivo como La Tribuna, con outros máis frescos e lixeiros, mesmo cómicos pormomentos, tan característicos da narrativa de Pardo Bazán.

A peza aborda referencias históricas de marcado interese cultural, que dan pé a tratar temas totalmente vivos hoxe en día: a memoria colectiva, a perspectiva de xénero, a dialéctica de modelos sociais e políticos…

Con Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas, Ana Santos e Ledicia Sola. Dirixe Cándido Pazó.

10 NOV. SMOKE ON THE WATER de Ibuprofeno Teatro

Traxicomedia sórdida. Sexo, drogas, rock and roll, enfermidade, violencia, prostitución, vandalismo, morte e, por suposto, de amor. Ritchie (Blackmore) vive ancorado no rock and roll dos 70. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta, estuda filosofía na universidade. A súa unión sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, formando un círculo enfermizo. Este status quo absurdo, en continua combustión, vese ameazado pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora.

Con Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e Mon Orencio. Dirixe Santiago Cortegoso.