O Concello solicita que se acometan e executen os proxectos incluídos nos orzamentos xerais do Estado por «respecto» a Pontevedra

14
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, bota en falta a continuación do paseo peonil cara Marín e lembra que a avaliación ambiental para as obras do novo nó de bombeiros xa caducou, pois foi realizada no 2015, mais nunca chegaron a ser executadas 

O concelleiro César Mosquera aproveitou a súa comparecencia desta mañá para facer unha primeira valoración dos orzamentos xerais do Estado en relación coa cidade de Pontevedra. «Non podo disimular o meu cabreo con eles», comezou o edil. «Tanto polas partidas que mete e que non mete, como o paseo a Marín, senón tamén porque aplica ese principio de ver os presupostos como o que semella a palabra, pre-supostos, supostos previos, onde quedan moi ben, pero logo nunca os vemos executados».

Así, o edil fixo fincapé na aparición dentro dos orzamentos do nó de bombeiros, un proxecto que foi aprobado de xeito definitivo no 2015 e nunca chegou a ser executado. «É máis, xa caducou a avaliación ambiental, pasaron máis de cinco anos. Non sei se pediron prórroga, non me consta», sinalou Mosquera. «Síntoo. Outras veces teño defendido e tolerado orzamentos da Xunta ou do Estado, semellaban razoábeis, pero neste caso… Son moitos anos sen ver a execución de determinadas obras totalmente necesarias. A circunvalación? Somos a única cidade do Estado que non ten. Podemos entender todo, podemos entender que vaia a modo, que haxa dificultades, pero… Coido que merecemos algo máis de respecto».

O responsábel de Infraestruturas no Concello indicou que non ten especial interese en indicar que proxectos poderían ser incluídos, alén da continuación do paseo de Marín, senón que preferiu solicitar a execución dos que aparecen. «Desde o ano 93 leva o paseo de Marín, igual tres anos non estivo… É cousa do Estado, ben, pero quere facelo ou non? Dá a sensación de que non».

Dentro das críticas á nula execución dalgúns dos proxectos que figuran dentro dos orzamentos o concelleiro tamén sinalou o antigo edificio de Facenda, que leva anos sen recibir ningún tipo de uso ou perspectivas de futuro reais.