Pontevedra acollerá o Campionato de España de Baile Deportivo Standard en marzo de 2023

74
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó, asinan un protocolo de colaboración entre o Concello de Pontevedra e o ente federativo

A nosa cidade acollerá o Campionato de España de Baile Standard en marzo de 2023. A boa nova foi anunciada esta mañá polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, coincidindo coa sinatura dun protocolo de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a Federación Española de Baile Deportivo, nun acto no que acompañaron a Fernández e ao presidente do ente federativo, Luis Vañó, os bailaríns e coreógrafos Adrián Esperón e Noemi Abal, da escola de danza PonteBaile.


Tal e como asegurou o edil do PSOE, “hoxe é un día importante para o deporte de Pontevedra porque vimos de asinar un protocolo que supón unha declaración de intencións por ámbalas partes de cara a sondear as posibilidades de manter unha colaboración continuada no futuro”. “Unha colaboración -apuntou- que agardamos que nos leve a que Pontevedra sexa tamén referente no mundo do baile deportivo de aquí a uns anos. Marcámonos o obxectivo de analizar posibles eventos que poidan ter lugar en Pontevedra e que poidan servir para que a Federación saiba que dispón dun espazo físico como a nosa cidade. Pontevedra ten xa un prestixio importante en materia de organización de grandes eventos, a Federación de Baile Deportivo está en crecemento e a nós interésanos moito esta colaboración porque o baile ten un carácter transversal, ao poder ser practicado por persoas mozas e non tan mozas, o que axuda a fomentar o deporte en idades nas que custa un pouco”.


Tino Fernández avanzou que “este protocolo que hoxe asinamos e que supón un primeiro paso, vén acompañado xa dun segundo paso, porque nesta negociación xa temos o acordo de celebrar o Campionato de España de Baile Deportivo Standard no ano 2023, concretamente, se as datas non mudan, a última fin de semana de marzo”. “Será o primeiro evento dos moitos que agardamos organizar coa Federación Española e terá moi importancia, atraerá a moita xente e para a súa celebración precisaremos ademais unhas instalacións importantes para poder desenvolver tódalas modalidades de baile: o Pavillón dos Deportes e o Pazo da Cultura. Teño pois que agradecerlle ao presidente da Federación que arrinquemos este protocolo co compromiso de facer un Campionato de España e a confianza que deposita en nós”.


En opinión de Luis Vañó, “a sinatura deste protocolo permite dar resposta a un compromiso que adquirín, primeiro con Galicia, xa que os deportistas galegos fan un esforzo impresionante durante toda a tempada para desprazarse ás competicións en todo o territorio español, e tamén polo feito de que esta comunidade conta cun bailarín como Adrián Esperón, que foi 14 veces campión de España e que dirixe aquí en Pontevedra un club que forma parte da Federación, PonteBaile, que será o noso apoio para darlle a imaxe a este Campionato de España”. “Falamos de dous actos de xustiza, con Galicia en xeral e con Adrián e Pontevedra, xa que traballou moito nestes anos e había que retornar a esta casa. A modalidade de Standard é ademais a máis representativa no caso de Adrián, o seu grande forte”, sinalou Vañó.


Non obstante, segundo expresou o seu presidente, a Federación pretende presentar durante esa fin de semana “unha visión de máis especialidades que forman parte da mesma, desde o mundo máis urbano, co breaking ao hip hop, ao mundo máis estilizado, que sería o dos bailes standard: queremos que seis das dez especialidades da Federación estean representadas neste Campionato, no que calculamos que participarán non menos de 1.700 deportistas”. “Encheremos Pontevedra e desfrutaremos. Para nós é unha ledicia regresar aquí. Hai moitos anos tivemos unha primeira experiencia, pero, tendo en conta a posición que ten a Federación agora mesmo, o produto que podemos ofrecer á cidade é de moita calidade”, matizou Luis Vañó.