Pontevedra recupera o ‘Jazz no Principal’ dous anos despois, coincidindo co 20 aniversario do Seminario Permanente de Jazz

57
O SPJ e o Concello de Pontevedra organizan e promoven dúas xornadas musicais no edificio municipal, o mércores 12 e o mércores 26 de outubro, ambos os dous concertos ás 21 horas
Actuarán Abe Rábade & SPJ Talents e Paco Charlín & SPJ Meeting, poñendo en valor o enorme valor e crecemento que este xénero musical viviu na Boa Vila 

Logo de dous anos de parón por mor da pandemia, Jazz no Principal volve á súa casa. Inmersos no seu vixésimo aniversario, o Seminario Permanente de Jazz (SPJ) quere celebrar por todo o alto esta efeméride, mantendo firmemente a súa filosofía de programación; unha decidida aposta polo pouso didáctico que as figuras do jazz deixan nas novas promesas deste estilo no país.

O SPJ contará con Abe Rábade e Paco Charlín para esta nova edición do Jazz no Principal, dúas figuras de relevancia internacional, unidas á nosa cidade ademais, e que contarán coa presenza de varios artistas convidados para esta ocasión.

Tal e como sinalan desde o SPJ, «esta completa programación afonda unha vez máis esa idea sempre presente no facer do Seminario, o decidido apoio e dinamización do jazz e os novos jazzistas galegos».

«Seguimos navegando con esa nave da cultura que é o Teatro Principal, que xa comeza a coller ritmo e encherse de contido despois do parón das obras e da pandemia, e volve un clásico como é Jazz no Principal», sinalou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces. «É un traballo que xa vén de vinte anos atrás, no intre no que é fundado o SPJ e que permitiu espallar coñecementos e fundamentos e, como non, esta cita é ineludíbel e moi satisfactoria. Estamos realmente contentas de albergalo».

«O certo é que organizar grandes concertos co SPJ é algo doado, porque cando levantas o teléfono e logo fan o propio eles comezan a contactar e sacar músicos e músicas impresionantes para logo deleitar a toda á cidade coa súa programación durante todo o ano», comentou a edil.

Pola súa banda, Luís Carballo, en representación do Seminario Permanente de Jazz fixo fincapé na recuperación deste ciclo, «moi especial para nós», polo volume de artistas convidados que move e que se mesturan cos músicos locais. «É un ciclo diferente, moi tocado pola pandemia, e que agora pode volver».

A entrada xeral para cada concerto é de 3 euros, e pode ser adquirida en www.ataquilla.com ou unha hora antes no propio edificio do Principal. Tamén no teléfono 902504500.