O Ganapán somerxerá esta fin de semana aos máis cativos nos sabores do mundo árabe a través de receitas de batbout marroquí e humus de olivas negras

14
  • O programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica no Mercado de Abastos tamén desenvolverá talleres nos que os rapaces e rapazas poderán deseñar ras de ollos saltóns e linguas moi longas e unhas divertidas galiñas con luvas inchables

A iniciativa de lecer infantil O Ganapán permite que, de cando en cando, a rapazada poida viaxar polo mundo adiante e coñecer outras culturas, esencialmente a través dalgo tan identitario como a súa gastronomía. Nesta ocasión, os nenos e nenas de 4 a 10 anos que participen esta fin de semana no Gastroespazo do Mercado nas actividades deseñadas dentro do programa impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo terán ocasión de somerxerse nos sabores do mundo árabe.


Así, para o sábado 15 de outubro está previsto un taller no que os cativos elaborarán uns saborosos, lixeiros e esponxosos batbouts, un boliños de pan marroquís perfectos para comer sós, para ‘dipear’ ou recheos como bocadillos. Para a xornada do domingo 16, os nenos serán introducidos nun prato tan típico da comida árabe como o humus de olivas negras, unha receita que, como sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “ten moitísimas formas de prepararse, pero que con esta fórmula do Ganapán resulta verdadeiramente aditivo”.


“Ademais, tamén haberá obradoiros que desenvolvan a parte máis creativa da rapazada: o sábado crearanse unhas ras de ollos saltóns e linguas moi longas e o domingo unhas divertidas galiñas con luvas inchables”, apunta a edil do PSOE.


Os talleres desenvolveranse en horario de 11:30 a 13:30 horas e todos aqueles nenos e nenas que desexen participar deberán inscribirse previamente a través do email oganapan@gmail.com, indicando nesta mensaxe posibles alerxias ou intolerancias. “E que ninguén esqueza a súa friameira para levar a casa os pratos cociñados”, engade Yoya Blanco.