O Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel será levado ao vindeiro Pleno Municipal para a súa aprobación

41
O documento, na súa última versión, xa contén a relación de indicadores cos obxectivos, uns elementos que permitirán estudar e avaliar as actuacións que se realicen en Pontevedra
O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, tamén informou do avance na creación de dúas novas paradas nas liñas do bus urbano e a instalación de novas marquesiñas en tres das xa existentes 

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, deu conta esta mañá da Comisión de Mobilidade celebrada a primeira hora. Dentro dos asuntos tratados na mesma, figurou o ditame de levar o Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel até o vindeiro Pleno Municipal, onde deberá ser ratificado, tal e como figura no decreto de aprobación asinado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

A última versión do PMUS incorpora a parte relacionada coa participación e que conta con dous elementos de relevancia: dunha banda, a que ten que ver coa conclusión e que xa foi exposta no seu día a través da implantación dunha zona de tráfico reducido que permitirá desenvolver un modelo onde os cidadáns non terán que pagar por entrar na cidade, nin a necesidade de etiquetas de ningún tipo; e outro, «pode que a parte máis descoñecida para o gran público», en palabras de Gómez, é a dos indicadores.

Os indicadores permitirán saber se o modelo continúa avanzando e con que fondo. «Permitirá demostrar que este documento non é un brinde ao Sol, senón que é un documento baseado no modelo de Pontevedra, na nosa experiencia dos últimos vinte anos e, ademais, debuxa uns obxectivos cumpríbeis», explicou o edil.

Existen 66 indicadores distintos e concretos, e cada un deles queda relacionado con algúns obxectivos. É unha guía que poderá ser usada polos técnicos e así realizar unha avaliación completa do que se foi facendo. «Se pensamos no indicador número 5, que fai referencia aos bolardos, poderíamos partir do simple: foron colocados ou non? Se a resposta e si, cantos? Onde? Como? Trataron os puntos con sensación de accidentabilidade? Eliminaron barullos nas entradas dos colexios? Aumentaron a mobilidade peonil? Avanzamos neses obxectivos? Para iso servirán, para garantir que o PMUS cumpre e podemos desenvolver o modelo do mellor xeito posíbel».

Melloras nas liñas de autobús

Gómez aproveitou a súa comparecencia para informar tamén sobre algunhas novidades ao redor das liñas de bus urbano de Pontevedra. Dunha banda, A Xunta xa deu a súa autorización para instalar as novas paradas, a da rúa 12 de novembro é a de Moldes, e a partir do luns 17 poderá ser iniciada a sinalización da primeira. «A segunda deberá agardar un chisco máis, pois temos que dirixirnos primeiro á Estradas da Xunta, titular desta estrada, para que autorice o pintado e a sinalización, e que o autobús poida parar nesta zona», indicou o edil.

Doutra banda, o Concello tamén comezará o luns 17 de outubro coa instalación de tres novas marquesiñas «que agora mesmo non hai pero que semellan imprescindíbeis». Gómez lembrou que a instalación destas estruturas depende da accesibilidade do lugar, e que non poden ser postas en calquera sitio nin en todas as paradas, pois poderían impedir o paso dos peóns.

As tres paradas que contarán en breve con marquesiña de seu son: a de Montecelo, en dirección Pontevedra; na rúa das Hortas, dirección Montecelo, diante dos Xulgados; e en Josefina Arruti, na rotonda da Estación de Autobuses. A instalación destes tres novos elementos supón un investimento próximo aos 18.000 euros.

Por último, o edil de Mobilidade quixo informar que o vindeiro domingo, 16 de outubro, a liña 1 non funcionará como decotío por mor do Medio Maratón, proba deportiva prevista para esta fin de semana. «Os autobuses do domingo, todos, liña 1 e 2, irán por Montecelo. O obxectivo é manter a frecuencia de transporte no barrio», sinalou Gómez. «Chegarán á Praza de Galicia por outro circuíto pero manteremos a frecuencia temporal».