‘Libros para xogar’ será o lema do XXIV Salón do Libro de Pontevedra que terá lugar do 21 de abril ao 7 de maio e homenaxeará a Manuel Lourenzo e Maife Quesada

143


O país convidado nesta ocasión será Colombia, exemplo da transformación social levada a cabo a través dos libros e a lectura.

O tema foi proposto pola última rapaza en marchar do Salón na pasada edición

A organización xa iniciou contactos cos centros escolares para adiantarlles esta información e que comezen a traballar nas súas propostas.


“Xogar é unha cousa moi sería” avanzaba esta mañá en rolda de prensa a concelleira de Cultura Carme Fouces citando a Tonucci. “O xogo, a lectura son as ferramentas coas que se desenvolven cognitiva e emocionalmente as persoas e conforman os adultos que logo imos ser. Aprendemos a pactar regras e cumprilas, a socializar, deixar voar a imaxinación, ect. O xogo é tremendamente importante nas vidas das persoas e de xeito máis especial nos nenos e nenas. E foi precisamente unha nena, no último día do Salón, a que propuxo o tema deste ano. A nosa experiencia logo de traballar moitos anos con cativada, dinos que esas ideas – as aportadas polos máis pequenos/as – son moi relevantes a atinadas, por iso tamén nos tomamos moi en serio a proposta e este ano adicamos o Salón do Libro ao xogo. Facéndolle unha chiscadela a Rodari, que ten unha obra titulada Contos para xogar, empregaremos o lema Libros para xogar.”

A vindeira edición- e xa van XXIV – terá lugar entre o 21 de abril e o 7 de maio e contará con Colombia como país convidado. “Levábamos tempo ollando para ese país e seguindo os seus proxectos xa que son un grande exemplo de como a cultura se pode empregar como ferramenta de transformación do entorno.  Teñen traballado en zonas moi desfavorecidas nas que mediante o libro, a lectura e a cultura en xeral levaron a cabo importantes cambios nesa sociedade. Traeremos persoas, mediadores, autores/as para que nos conten esa experiencia e tamén convidaremos á cidadans colombianos/as que anden pola contorna a que se acheguen para poder transmitir a súa cultura, gastronomía, etc.

Manuel Lourenzo González, presente na comparecencia, será o autor homenaxeado desta edición. Tal e como apuntou a concelleira “É un pracer ter con nós a Manuel e que aceptara esta humilde homenaxe. Foi un gran profesor, un gran escritor de literatura de adultos pero tamén para nenos e nenas e xente moza, pero foi tamén director do Salón do Libro durante varias edicións. As súas exposicións sobre obxectos cotiás son memorables. E aínda hai quen as mantén na memoria, como é o meu caso, cando ía como nai. Penso que este ano, se el está disposto, sería moi especial recuperalas”

Logo de debullar o currículo de Manuel Lourenzo (que deixamos ao final da nota), Fouces fixo alusión a que “nos últimos anos decidimos non facer homenaxe só aos autores de escrita senón de ilustración porque entendemos que a literatura infantil e xuvenil está moi vinculada a ilustración. Kiko Dasilva, Xosé Cobas e este ano puxemos a mirada en Maife Quesada. Ilustradora pioneira neste país que hoxe non pode estar aquí por motivos de saúde pero nos consta que está moi ilusionada . Pertence a un grupo de creadores plásticos que se puxeron a ilustrar libros nos anos 80 polo que leva máis de catro décadas contándo historias cos seus debuxos. Zamorana de nacemento pero galega de adopción. Unha das mellores ilustradoras españolas na Bienal Internacional de Ilustración de Bratislava, recibiu numerosos recoñecementos pola súa obra que aglutina preto de un 100 de contos infantís e xuvenís e máis dunha ducia de libros de texto. Foi declarada socia de honra de GÁLIX e deixou obras tan entrañables como Quen me quere adoptar?  co texto de Fina Casalderrey incluída na lista The White Ravens.”

Na súa intervención o presente Manuel Lourenzo que quixo amosar o seu agradcemento ao Salón do Libro por lembrarse del nesta homenaxe  “á xente que traballamos no mundo dos libros, tanto da escrita como da ilustración. Unha homenaxe que vén por dous lados, pola vinculación coa literatura para rapaces pequenos e de mediana – porque as historias, tramas, relatos e ideas que me veñen a cabeza veñen cun formato linguaxe de destinatario determinado. Iso levoume a que determinadas iniciativas literarias acabasen sendo para público infantil eou xuvenil, Un puro accidente creativo no que, por outro lado me gusta moito traballar. – e tamén pola miña vinculación aló polos seus inicios coa responsabilidade de dirixir ou coordinar algunas desas primeiras edicións”.

Sobre as exposicións ás que facía alusión Carme, Lourenzo avanza que este ano agarda retomala pero “con algo máis de tempo e menos presión, xa que as veces comezaba a montala 24h antes.  Aínda que iso lle daba moita expontaneidade. Era un xogo que é probable que este ano teña se cabe máis sentido”

Fouces pechou a comparecencia avdiantando que “vén un Salon cheo de vida, de xogo, de alegría que boa falta nos fai e cheo de gratitude ás persoas que traballan, pican pedra e levantan a literatura e a cultura deste país”

CV Manuel Lourenzo

Manuel Lourenzo González (Vilaboa, Pontevedra, 1955) é licenciado en Pedagoxía e catedrático de Lingua Galega e Literatura. Foi un gran activista cultural desta cidade, ademáis do Salón dirixiu a asociación cultural Maio Longo, a ASPG, a Semana da Educación… Como escritor, publicou libros de relatos e novelas para adultos, xunto cunha significativa obra para o público infantil e xuvenil. Libros como Tanis e o mocos, Animais de Compañía,  Irmán do vento ou  Ceiba de Luz, co que gañou o Jules Verne de narrativa xuvenil, son ben coñecidos pola rapazada da nos acidade (e do resto do país). Levou os premios máis importantes da literatura galega, o Merlin, o Xerais, o Blanco Amor, o García Barros… e era boa hora de renderlle homenaxe xa no Salón.