Edugal volverá abrir as súas portas no Recinto Feiral entre os días 26 e 28 de outubro con 65 expositores que axudarán aos nosos estudantes a decidir o seu futuro

40
  • O programa do XI Salón de Educación e Formación de Galicia, organizado pola Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica, abrangue un amplísimo abano de propostas, entre as que se inclúen charlas de orientación académica e emprendemento, mesas redondas, actividades no Metaverso, mesas redondas, exhibicións de fotografía e maquillaxe e de caracterización e efectos especiais e obradoiros de robótica, deseño de videoxogos, electrónica creativa e biotecnoloxía

O Salón de Educación e Formación de Galicia Edugal volverá abrir as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra entre os días 26 e 28 outubro nunha XI edición que contará con 65 expositores e na que os estudantes poderán atopar orientación académica e todo a oferta existente en materia de estudos universitarios, formación continua, capacitación profesional, aulas abertas, máster e posgraos, idiomas ou Eramus Plus. O evento organizado pola Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe) en colaboración coa Concellería de Promoción Económica e Turismo, a cita autonómica máis importante en educación e formación, abrangue un amplísimo abano de propostas, entre as que se inclúen charlas de orientación académica e emprendemento, mesas redondas, actividades no Metaverso, mesas redondas, exhibicións de fotografía e maquillaxe e de caracterización e efectos especiais e obradoiros de robótica, deseño de videoxogos, electrónica creativa e biotecnoloxía.

Edugal 2022 permanecerá aberto ao público en horario de 10:00 a 18:00 horas o mércores e o xoves, e de 10:00 a 15:00 horas o venres, cun intenso programa repleto de actividades nas que se abordarán temas da máxima actualidade e utilidade para o futuro. Na xornada inaugural presentaranse da Axenda Galega das Capacidades para o Emprego e as actividades a desenvolver no Metaverso, haberá charlas de orientación universitaria e celebraranse obradoiros de Intelixencia Artificial, Iniciación ao Modelo Orgánico 3D e Impresión en 3D e Robótica Educativa, así como unha exposición fotográfica de moda e unha retransmisión de E-Sports con premio para o gañador do torneo de Mona Chita.


Tal e como avanza a concelleira de Promoción Económica e Universidade, Yoya Blanco, “o xoves 27 de outubro haberá unha presentación da nova plataforma para fomentar a iniciativa empresarial Polos de Emprendemento; un taller práctico de FP Dual na empresa titulado ‘Pasos a seguir para a súa tramitación na empresa’ con webinar a través de Zoom; a presentación ‘A miña primeira experiencia coa administración’ a cargo da directora xerente da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo (Fungatra); charlas de orientación; unha sesión de fotografía e maquillaxe de personaxes de Halloween; e obradoiros de Biotech (ciencia, bioloxía e tecnoloxía), Deseño de Videoxogos e Iniciación ao Modelado Orgánico e Impresión 3D”. 


“O programa -sinala a edil do PSOE- proseguirá o venres 28 de outubro coa mesa redonda ‘Todos os traballos son iguais’, con expertos de diferentes campos; unha presentación na que o alumnado da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético e o seu director, Kiko da Silva, crearán os Kikoins, a súa moeda propia para avaliar aos creadores; unha charla informativa sobre Novas Oportunidades de Formación en FP e Novos Perfís Profesionais; unha mostra de Caracterización e FX Especiais, e talleres de Electrónica Creativa e Iniciación á Electrónica e Programación con Arduino”.


Ademais dunha morea de facultades e escolas universitarias, entre os expositores poderán atoparse stands de entidades como a Asociación Juan XXIII, a Fundación Ronsel, a Federación Galega de Fútbol, as Forzas Armadas ou a Escola de Canteiría da Deputación, centros integrados de Formación Profesional como o Carlos Oroza, A Xunqueira ou A Granxa e institutos como o Frei Martín Sarmiento, Luis Seoane, Vilalonga ou o Audiovisual de Vigo.


En opinión de Yoya Blanco, “estamos a falar do maior evento educativo e formativo que se celebra en Galicia, no que os estudantes e as súas familias poden obter unha moi boa fotografía sobre as posibilidades que teñen para enfocar o seu futuro, poñerse ao día sobre as últimas novidades e avances tecnolóxicos, recibir o asesoramento de expertos, pasar un bo rato coas actividades organizadas e, en definitiva, saír do Recinto Feiral cunha idea moito máis clara sobre o camiño que desexan seguir”.


Poden obter máis información sobre Edugal 2022 a través da páxina web www.edugal.es.