A revolución verde e azul chega ás rúas da nosa cidade a través dunha exposición itinerante que permitirá que a cidadanía coñeza os proxectos da ambiciosa estratexia Pontevedra Flúe

2055
  • A mostra, instalada na Ponte do Burgo, está composta por 82 paneis dispostos en 20 cubos de 1x1x1 m nos que se exhiben 75 fotografías actuais, 34 históricas, 28 renders, 12 planos explicativos e 2 montaxes fotográficas
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, quere achegar aos pontevedreses “un conxunto de 20 proxectos que superan os 20 millóns de euros e que converterán á nosa cidade en referente internacional en infraestrutura verde, renaturalización de ríos e loita contra o cambio climático”

A revolución verde e azul comeza a estenderse polas rúas da nosa cidade a través dunha exposición itinerante posta en marcha pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para dar a coñecer aos pontevedreses as ambiciosas actuacións de renaturalización e loita contra os efectos do cambio climático contemplados na estratexia Pontevedra Flúe (https://www.pontevedra.gal/2022/09/15/pontevedra-flue-a-revolucion-verde-e-azul-chega-a-nosa-cidade-cunha-vintena-de-proxectos-que-suman-uns-20-millons-de-euros-e-que-permitiran-conectala-cos-seus-rios-e-espazos-naturais/). Unha espectacular mostra, que terá como localización inaugural a Ponte do Burgo, está composta por 82 paneis dispostos en 20 cubos de 1x1x1 m nos que se exhiben 75 fotografías actuais, 34 históricas, 28 renders, 12 planos explicativos e 2 montaxes fotográficas.


A exposición foi presentada esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, nun acto no que estivo acompañado pola edil de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e no que lembrou que a estratexia Pontevedra Flúe abrangue “a programación dunha vintena de actuacións que suman máis de 20 millóns de euros para acadar a transformación dos nosos ríos e espazos naturais vencellados a eses ríos, e supón o principal posicionamento de Pontevedra para captar os fondos europeos que durante os vindeiros anos se investirán en España e que suporán xeración de emprego, riqueza e oportunidades para as empresas”.

“Hoxe -sinalou o edil do PSOE- inauguramos unha exposición na que se explican dun xeito moito máis detallado cada un deses 20 proxectos. Quedará instalada durante un tempo nesta ponte do Burgo e pretende expoñer que é o que queremos facer en cada zona da cidade e que saiba en que fase están as propostas, desde aquelas que xa teñen financiamento e están xa contratados para comezar nas vindeiras semanas (rehabilitación da ponte vella do ferrocarril, a restauración do río dos Gafos na zona da Tablada ou o parque de xogos de auga) ata aquelas que están en fase de redacción do proxecto ou para as que temos que conseguir financiamento durante os próximos anos. Pretende tamén esta exposición que a xente saiba o por que, xa que non se trata unicamente de actuacións que transformarán urbanisticamente a cidade, senón tamén que nos van axudar a ter Pontevedra máis preparada para loitar contra os efectos do cambio climático e, en particular, das inundacións”.


Por este motivo, entre as imaxes desta exposición inclúese unha montaxe fotográfica que ilustra (para que sexamos totalmente conscientes da situación) ese risco real de inundación que, no caso de non facer nada ao respecto, ten Pontevedra segundo os datos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente, non dentro de 100 anos, senón dentro de 20 ou 25 anos. Tal e como advertiu Iván Puentes, “neste contorno do río Lérez pódense producir desbordamentos que aneguen practicamente toda a zona baixa da cidade e teñamos o río tocando aos pés do estadio de Pasarón, con toda A Xunqueira inundada”.


Á marxe desta finalidade divulgativa, o concelleiro do PSOE convidou á xente a que se achegue a coñece, a ler con tempo cada un dos paneis e a tomar conciencia das actuacións reflexadas na exposición, “porque creo que vai ser interesante desde os puntos de vista histórico e pedagóxico, xa que hai unhas 34 fotos históricas que nos ilustran como era a cidade de Pontevedra non hai tantos anos, cando se comezaron a desecar as xunqueiras e a marxe dereita do río”. “Veremos como era este contorno do Lérez se o Pazo da Cultura, o Recinto Feiral, os colexios, o campus universitario, os campos de fútbol ou tódolos recheos que se fixeron na Xunqueira de Alba e que hoxe albergan naves de todo tipo das distintas administracións. En definitiva, saber como era este espazo, como funcionaba desde o punto de vista medioambiental e como pretendemos que funcione para ter unha cidade mellor preparada para loitar contra o cambio climático”.


A exposición ten unha vocación itinerante e de permanencia, polo que, tras este punto inicial da Ponte do Burgo, irá rotando por distintos puntos do concello e se organizarán diversas actividades vencelladas a ela, fundamentalmente visitas de colectivos sociais e escolares. Segundo incidiu Iván Puentes, “isto non é un proxecto do PSOE, nin de Iván Puentes como concelleiro de Desenvolvemento Sostible, senón que, como tódolos proxectos que funcionan de verdade, queremos que sexa un proxecto de cidade, detrás do que se poidan sentir respaldados e colaboremos tódolos partidos políticos e tódalas entidades sociais e veciñais e no que todos nos poidamos poñer a camiseta de Pontevedra e todos poidamos remar xuntos para conseguilo”.
Na súa opinión, Pontevedra Flúe supón evolucionar o modelo de cidade “cara unha cidade aínda máis perfecta, que traballe o verde, que traballe o azul, e que xere emprego, actividade económica e oportunidades de desenvolvemento para as empresas, vencelladas a esa chuvia de millóns europeos que terá que vir para España e particularmente para Pontevedra nos vindeiros anos”.