A Concellería de Desenvolvemento Sostible volve vestir de Samaín os Xardíns que Falan

32
  • As novas composicións instaladas nas prazas de España e de Ourense, que esta mañá visitaron os concelleiros Iván Puentes e Yoya Blanco, están protagonizadas por dous esqueletos ataviados con traxes de voda, unha árbore con máscaras terroríficas, calacús, candeas, arañas e caveiras

Os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e a edil de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegáronse esta mañá ata os xardíns da Praza de España para fotografarse coa terrorífica e orixinal composición de Samaín instalada esta mesma mañá polo Concello de Pontevedra. Entre os ornamentos inclúense dous esqueletes moi ‘molóns’ ataviados con traxes de voda e lentes de sol, os tradicionais calacús, as caveiras e as arañas, unha delas xigante (en versión esqueleto).


Ademais, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns tamén preparou outro aterrador escenario na Praza de Ourense, onde unha árbore chea de teas de araña e máscaras preside unha combinación floral na que non faltan os calacús e un esquelete que regresa do outro mundo para dar un par de sustos.


Uns atrezos que se enmarcan na iniciativa municipal Xardíns que Falan, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible para dinamizar as zonas verdes da cidade e convertelas en espazos vivos e interactivos, e que, apenas inaugurados, xa atraían a atención de moitos nenos disfrazados (e tamén de maiores) que se achegaban ata eles para sacar unhas instantáneas que resultan perfectas para esta festividade de Defuntos.


Iván Puentes convidou “a todo o mundo a achegarse ata estas novas composicións, que quedaron de medo, e a inmortalizar este Samaín, nunca mellor dito, cunhas fotografías, e subíndoas ás súas redes sociais cos hashtag #XardinsqueFalan e #SamainPontevedra2022”.