- O edil socialista cifra nuns 700.000 euros o custe dunha actuación deseñada en colaboración coa Universidade e que se traducirá na creación, na área verde existente ao redor da actual senda de Valdecorvos, dunhas lagoas artificiais que asumirán e reterán o incremento de auga en momentos de alto caudal
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, asegura que acabar cos recorrentes asolagamentos que se producen na rúa Padre Fernando Olmedo “é posible e tanxible” e a solución, que forma parte da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, “foi estudada e deseñada en colaboración coa Universidade”. Trátase dun proxecto pioneiro que xa foi remitido a Augas de Galicia, que se atopa en fase de autorización e que permitirá controlar as crecidas do rego de Valdecorvos mediante a creación dunhas lagoas artificiais que asumirán e reterán o incremento de auga en momentos de alto caudal. Unha actuación que está incluída no Plan de Prevención de Inundacións de Augas de Galicia 2021-2027 e que resulta ademais moi asumible a nivel económico: o seu custe estimado sitúase nuns 700.000 euros.
En opinión de Iván Puentes, “as inundacións de Padre Fernando Olmedo son a mostra da necesidade dos proxectos que recollemos na estratexia Pontevedra Flúe e da importancia de loitar contra o cambio climático”. Tal e como explica o edil do PSOE, “a razón fundamental dos asolagamentos radica en que toda a zona do Estadio da Xuventude e desta rúa está construída sobre unha xunqueira que era a zona de inundación natural do río cando se daba a situación que se deu esta fin de semana, con fortes choivas en pouco tempo, que fan que un regato moi pequeniño baixe e medre de caudal de xeito moi repentino”. “Se isto coincide coa marea chea -apunta-, é dicir, co río Lérez alto, o Valdecorvos, que antes inundaba onde está o Estadio e que agora desemboca canalizado no Lérez, atopa un tapón, que é a auga do río Lérez, e inunda a zona máis baixa que atopa, que é precisamente a rúa Padre Fernando Olmedo”.
Para o socialista, “habería unha solución que non é realista, que consistiría en desurbanizar e levantar os edificos e o Estadio da Xuventude, e outra, na que estamos a traballar desde hai aproximadamente ano e medio, que sería ademais pioneira en Galicia, e que consiste en tentar controlar eses incrementos repentinos de caudal que ten o rego de Valdecorvos”. Segundo sinala Puentes, o proxecto contempla “actuar na parte alta, onde están a senda e o parque da urbanización de Valdecorvos, aproveitando unha vella canle do río que xa existía para regar e para desbordar o regato de xeito natural cara a esas veigas que había nesa zona e construíndose dúas balsas, que a meirande parte dos días actuarán como lagoas artificiais para mellorar esa zona verde que temos alí e que, nos días de fortes choivas como estes, asumirán ese incremento de caudal”.
“Desviaríamos a auga do río cara a esas balsas, que serán pouco profundas (de metro e medio no seu punto máis fondo), pero que conseguirán reducir a altura do Valdecorvos ata un 30% cando se producen as choivas máis fortes. Isto quere dicir que lograríamos eliminar practicamente tódolos desbordamentos en Padre Fernando Olmedo e que, mesmo nas peores circunstancias, con esas choivas máis fortes que se producen unha vez cada dez anos, a área de inundación actual reduciríase nun 70% (pasando dos 45.500 aos 13.500 metros cadrados) e só se podería inundar un pouco a zona máis próxima ao Estadio da Xuventude. En todo caso, serían inundacións que se parecerían ás máis leves que podemos ter nestes momentos noutras rúas da cidade, que desbordan auga, pero que non provocan ningún tipo de afección, e en períodos de dez anos, como digo, non habería inundacións de ningún tipo”, subliña Iván Puentes.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible destaca o carácter “ecolóxico” dunha proposta que ademais “non é excesivamente cara, xa que estamos a falar dun custe aproximado de 700.000 euros”, para a que “xa temos proxecto redactado” e que “está nestes momentos en trámite de información e solicitude de autorización por parte de Augas de Galicia da Xunta, da que tamén quero sinalar que, das veces que falamos con eles, a vén con moi bos ollos e teñen toda a predisposición do mundo a colaborar co Concello de Pontevedra para poder executala”. Puentes avanza que, unha vez se obteña a resposta de Augas de Galicia, recolleríanse no proxecto as modificacións que se deriven das súas recomendacións, como paso previo á procura e xestión do seu financiamento.
“Algo que parecía inexorable, non o é. Hai unha solución, un proxecto e un orzamento non excesivamente caro”
Para Iván Puentes, “algo que durante todos estes anos parecía inexorable, como que Padre Fernando Olmedo se inunde cada vez que se producen choivas fortes, non o é”, posto que existe “unha solución, un proxecto redactado e un orzamento non excesivamente caro para poder previr esas dificultades que padecen os veciños e veciñas da zona tódolos anos”. Un orzamento que, como matiza, tamén abrangue a posta en valor do parque de Valdecorvos, xerando zonas verdes e lagoas que aumentarán a biodiversidade deste contorno, e a recuperación do patrimonio etnográfico ligado ao antigo uso do rego de Valdecorvos para regar as brañas da zona.
O Valdecorvos vén de Mourente e chega á cidade desde Montecelo, penetrando polo parque que leva o seu nome. O regato que antes desembocaba no Lérez, formando unha pequena xunqueira (máis ou menos onte hoxe se atopa o Estadio da Xuventude, a avenida de José Malvar e a rúa Fernando Olmedo) que servía de zona de inundación natural para absorber as súas frecuentes enchentes, agora desemboca entubado ao lado da ponte dos Tirantes, o que motiva a creación dun ‘tapón’ e de desbordamentos cando o Lérez baixa cheo.
As lagoas artificiais que se crearían na área verde existente arredor da senda de Valdecorvos asumirían os incrementos de auga en momentos de alto caudal do rego, chegando reter un volume de ata 9.000 metros cúbicos. A auga liberaríase posteriormente de xeito natural co descenso do caudal, evitando así os desbordamentos en Fernando Olmedo.
A actuación prevista xeraría unha zona de inundación controlada cunha superficie aproximada de 6.000 metros cadrados e unha profundidade neta acumulada de 1,5 metros. Complementariamente, recuperaríase o trazado natural do cauce na zona augas arriba das lagoas, eliminando a súa canalización secular actual (en estado semi derruído) e recuperando meandros, pozas e resaltos naturais, o que aumentará a rugosidade do cauce e, en consecuencia, o tempo de concentración (ao reducir a velocidade).
Transformar a actual senda nun grande parque urbano
Iván Puentes afirma que este proxecto tamén prevé transformar a actual senda nun grande parque urbano “ao estilo doutros que temos na cidade, ofrecendo un servizo de lecer á numerosa veciñanza de Valdecorvos”. Ademais de renaturalizarse o cauce do Valdecorvos, recuperaríase e reforzaríase o bosque de galería, eliminando as especies exóticas invasoras presentes en parte do borde hídrico (fundamentalmente cana, acacia negra e falsa acacia) e mellorando a estrutura do leito fluvial mediante especies arbóreas autóctonas.
Na zona alta do treito recuperarase o trazado do cauce antigo, controlando os problemas de erosión mediante a fixación dos noiros con estacas de sauce e crearase bosque de ribeira onde agora mesmo non existe. Na parte media do treito recuperarase unha parcela de titularidade pública ocupada ilegalmente para restaurar o bosque de galería. Na parte baixa actuarase na zona de servidume co obxectivo de reforzar o bosque de galería.