A crónica dos colexios de Pontevedra salta da parede ao papel nun libro que divulga as 21 obras murais realizadas no marco do programa municipal O Teu Cole na Historia

88
  • A publicación, financiada pola Concellería de Educación, recolle unha explicación dos traballos levados a cabo polo equipo creativo de Polo Correo do Vento, así como información das personaxes máis relevantes e os elementos etnográficos, patrimoniais, históricos, naturais e arquitectónicos que aparecen nos murais
  • Ademais da distribución de 2.000 exemplares deste libro entre os centros educativos da cidade, tamén se porá en marcha unha exposición itinerante que visitará os colexios e que tamén se exhibirá en diferentes espazos públicos

A finais de 2020, as paredes dos centros escolares de Pontevedra comezaron a contar a súa historia e a dos seus contornos naturais e urbanos. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Educación en colaboración co equipo creativo de Polo Correo do Vento, seguiu a espallarse pouco a pouco polos colexios do concello durante os seguintes meses, ata que en decembro de 2021 xa eran 21 centros de Infantil e Primaria os que contaban cunha obra mural na que cobraban vida as personaxes históricas máis relevantes asociadas a eles, así como toda unha serie de elementos etnográficos, patrimoniais, arquitectónicos e senlleiros que trazan a súa crónica. Tras un ano dedicado ao desenvolvemento de obradoiros divulgativos destas pezas nas propias escolas (con narración e debuxo e música en directo), os protagonistas do programa O Teu Cole na Historia saltan agora da parede ao papel coa publicación dun libro no que se exhiben e explican tódolos murais.


Editado por Polo Correo do Vento e maquetado por Lela Edicións, este libro de 184 páxinas recolle ademais información de interese e curiosidades sobre os colectivos, edificios, elementos patrimoniais e etnográficos, espazos naturais e personaxes ligados á historia dos centros e dos seus contornos. Os que participaron no proxecto O Teu Cole na Historia, e que agora protagonizan esta publicación, son os CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira, Vilaverde (Mourente) e Marcón; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido. Esta primeira edición do libro conta cunha tirada de 2.000 exemplares, que serán distribuídos entre os centros escolares. O seu reparto complementarase cunha exposición itinerante que irá visitando os colexios e que tamén se exhibirá en diferentes espazos públicos de Pontevedra.


A obra compilatoria foi presentada esta mañá no Concello durante un acto no que participaron os creativos de Polo Correo do Vento, Quique Mauricio e Carlos Taboada, e o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, quen asegurou que “O Teu Cole na Historia tense convertido, xunto con Pontenciencia, nun dos proxectos estrela da Concellería, acadando un grande éxito entre os colexios e servindo para que os rapaces e rapazas de cada centro educativo coñezan un pouco máis da súa historia”. “O seguinte paso dese proxecto, para seguir medrando, foi recoller nun libro tódolos murais realizados e a historia que conta cada un, e levalos polos colexios, de xeito que tódolos rapaces de Pontevedra coñezan non só a súa historia máis próxima, senón tamén a historia dos outros centros e a que conforma ao conxunto do noso concello”, apuntou o edil do PSOE.


Tal e como indicou Fernández, a exposición itinerante dará comezo de xeito inminente e desenvolverase ao longo deste curso escolar, rematando cunha mostra que será levada ás rúas en zonas céntricas de Pontevedra. Para o edil de Educación, “este é sinceramente un dos proxectos máis bonitos dos que levo feitos como concelleiro, polo que quero agradecerlles aos compañeiros de Polo Correo do Vento o agarimo e esforzo que fixeron para levar adiante unha iniciativa que non era nada sinxela e que, en ocasións, deparounos algunha sorpresa: lembro como anécdota que, onde hoxe está o colexio Álvarez Limeses, hai moitos anos se xogaba ao hóckey e iso foi unha sorpresa absoluta”. “E como esa, hai unhas cantas máis no libro, o que o fan moi interesante, apetecible e aceptado por tódolos docentes e rapaces”, engadiu o socialista.


Carlos Taboada subliñou que “a principal premisa deste proxecto tan complexo e tan ilusionante é que os nenos saiban por que o seu colexio se chama así e que hai de interesante na súa contorna, e a partir de aí, o libro, a exposición e os contacontos medraron, polo que é unha honra participar”. O seu compañeiro Quique Mauricio afirmou que están “encantados e contentísimos” con esta iniciativa, “coa que nós descubrimos moitísimas cousas” e que contou cunha enorme implicación dos colexios, ao tempo que subliñou que a idea “segue a medrar cunha exposición e cunha serie de ‘contadas’, pensadas tamén para a xeración de pais e nais”.


“Unha das sorpresas máis interesantes -contou Taboada- foi que Marcón ten un Entroido de seu e, a raíz de facer o mural e de explicar por que debuxamos esas personaxes disfrazadas, o propio CEIP de Marcón recuperou ese Entroido para a parroquia, que polo que contan foi un éxito. Para nós iso foi un agasallo e unha honra… Facendo pescudas sobre Manuel Vidal Portela, non foi doado atopar moita información e resultou ser unha biografía moi interesante a deste mestre de Cotobade represaliado polo Franquismo. O mesmo acontece coa biografía de Concepción Crespo Rivas. É tamén un traballo de memoria”.


Segundo asegurou Quique Mauricio, “outro dos obxectivos máis importantes deste proxecto era lograr que os nenos e nenas de Pontevedra puxeran en valor o que temos, tanto no propio centro como na contorna, xa que sempre hai unha mención a algún tipo de ave, espazo natural ou patrimonio artístico que temos ao noso carón”.