‘Novembro, mes da memoria’ contará cun programa de seu para recuperar e divulgar un pasado que continúa vivo

35
O movemento Voces Ceibes será un dos eixos fundamentais este ano, contando cun acto no Teatro Principal o vindeiro 18 de novembro
A inauguración das rúas Vasquida García, Dolores Trabado e Ernestina Otero Sestelo, xunto coa instalación dun panel informativo sobre as súas vidas, será o primeiro acto previsto 

Novembro volverá ser un mes para facer memoria. O edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, presentou esta mañá o ciclo de actividades previsto para as vindeiras semanas baixo o paraugas ‘Novembro, mes da memoria’.

A campaña de divulgación e recuperación realizada polo Concello de Pontevedra terá como base —ou temática principal— o movemento Voces Ceibes, o colectivo musical galego que tivo a súa existencia entre 1968 e 1974, nos anos finais da ditadura franquista.

«Este mes teremos de novo diversas actividades que buscan concienciar e non deixar no esquecemento feitos e persoas de relevancia para a nosa historia», explicou Moreda. Así, o primeiro acto programado no calendario será a inauguración das rúas Vasquida García, Dolores Trabado e Ernestina Otero Sestelo, que terá lugar o vindeiro sábado 5 de novembro ás 12 horas, no ámbito da antiga Tafisa. Será colocado un panel informativo propósito de devolver o espazo público ás mulleres tratando de divulgar e homenaxear a contribución que fixeron estas mulleres á historia de Pontevedra. Tamén se realizará unha pequena actuación de micro teatro sobre as súas vidas da man das alumnas do IES Sánchez Cantón.

O 12 de novembro será realizado o acto homenaxe anual aos fusilados no ano 1936. «Será ás 19 horas, adiantamos un pouco ao coincidir en fin de semana», sinalou o edil de Patrimonio histórico.

O venres 18 de novembro está previsto o acto de Voces Ceibes, unha homenaxe máis contemporánea no se que se refire á historia, «onde un grupo de mozos protestaron a través da canción, nunha época de represión e de sufrimento».  «Será un acto moi belo, no Teatro Principal, ás 21 horas». Este acto será realizado en colaboración co Ateneo.

O 21 de novembro celebrarase o centenario do nacemento de Mariví Villaverde. «Presentarémola máis adiante, pero cómpre dicir que será unha actividade realizada en colaboración con outras concellarías».