A escritora Carme P.G. Granxeiro protagonizará o xoves 10 de novembro un Vermú Literario organizado pola Concellería de Igualdade

9
  • As persoas asistentes poderán conversar coa autora arredor da obra Estranxeiras, libro gañador do II Premio Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero

O programa Pinto e Maragota, promovido pola Concellería de Igualdade, regresará o vindeiro xoves 10 de novembro cun Vermú Literario protagonizado pola escritora Carme P.G. Granxeiro. O coloquio celebrarase na Libraría Paz a partir das 19:30 horas e vertebrarase arredor do libro Estranxeiras, obra coa que a autora logrou acadar o II Premio Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero.


Tal e como describe a sinopse: “A condutora da Kawasaki negra chega a Santa Mariña de Augas Novas sen intención de ficar, inmersa nunha fuxida que a fixo abandonar Berlín ás présas e levando consigo pouco máis que o portátil e unhas mudas. A menos de dous quilómetros, noutro punto da aldea, Maruxa recibe a súa neta Mara e a crianza desta que, coa intención de pasar o verán na casa familiar, descargan algunhas maletas e non esquecen o libro das fadas. Arredor da oposición veciñal a un proxecto urbanístico preto do río, un amplo elenco de personaxes vese fiado por un rural que se debate entre a desaparición e a renacenza”. Deste xeito, Carmen P.G. Granxeiro constrúe en Estranxeiras un relato de esperanza no cal a realidade queer, as transicións e a historia colectiva conviven nun podcast, en múltiples vidas e nalgunhas mortes.