O Concello de Pontevedra tacha de «despropósito» a situación da sanidade pública na cidade, concretamente na Atención Primaria

15
A Xunta de Goberno Local acordou facer un chamamento á Xunta de Galicia para reclamar medidas efectivas e actuacións necesarias para garantir un correcto funcionamento do sistema sanitario público na Boa Vila 

Durante a Xunta de Goberno celebrada esta mañá, os concelleiros presentes aproveitaron a ocasión para reflexionar e comentar a preocupación que provoca a situación da sanidade pública na cidade de Pontevedra, máis concretamente na Atención Primaria.

«Non vou dicir nada novo, é público e notorio que a situación da sanidade pública nesta vila e máis concretamente da Atención Primaria é un auténtico despropósito», sinalou a portavoz de Goberno, Anabel Gulías. «Ás veces conseguir unha cita para o medico de cabeceira é unha odisea que pasa por colas, semanas de espera… Todo isto provoca o colapso dos puntos de atención continuada e o que era unha anécdota, non ter médicos nos centros da nosa cidade, xa é un feito habitual».

Gulías sinalou que Pontevedra leva desde o verán baixo esta tendencia e explicou que «xa non valen as escusas de que era un problema conxuntural coas vacacións ou pola Covid-19». «Era un feito previsíbel, e así llo fixemos chegar ao conselleiro de Sanidade na reunión que mantivemos en agosto; intre no que amosamos a nosa preocupación e foron feitos algúns anuncios, pero todo parece que queda en mera propaganda. A foto fixa da sanidade en Pontevedra dista moito daquelas promesas: seguimos sen médicos e sen unha atención digna. O sistema público galego non pode seguir así».

«Desde a Xunta de Goberno Local esiximos que se poñan xa enriba da mesa medidas efectivas e actuacións necesarias e imprescindíbeis para garantir un correcto funcionamento da sanidade pública en Pontevedra», finalizou a portavoz.