O Concello finaliza o proceso de expropiacións para a creación do pavillón da Parda ao incorporar unha última parcela

74
Esta nova incorporación de terreo podería ser utilizado para crear un acceso peonil ou lograr unha distribución máis efectiva dos equipamentos que se construirán o día de mañá 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá de luns da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Dentro dos asuntos tratados na orde do día, Gulías apenas quixo facer fincapé no punto relacionado co inicio do expediente para a licitación da creación do CPD e a renovación parcial da rede municipal electrónica, que vén a ser a ausencia de conflitos de interese, un paso máis na súa tramitación. 

Doutra banda, e xa afondando nos asuntos tratados fóra da orde do día, a edil quixo sinalar a proposta chegada até a XGL para a expropiación dunha parcela na rúa Tomás y Valiente. Esta expropiación garda relación co anteproxecto de axeitamento da parcela municipal para o pavillón da Parda. «Damos un chanzo máis na vindeira construción deste pavillón», explicou Gulías. «Xa expropiáramos unha serie de parcelas para este futuro equipamento, en concreto tres. Lograbamos a titularidade municipal de todos os terreos nos que se vai construír o pavillón. Agora, con esta nova expropiación, engadimos unha porción de terreo que conta cunha superficie  de 466,60 m2, o que permitirá crear un acceso peonil ou lograr unha distribución máis efectiva no día de mañá».

A expropiación será realizada por un importe 184.448,85 euros. «Daríamos por rematado o proceso de expropiacións con este terreo, o que nos permitirá seguir avanzando na licitación do futuro pavillón da Parda», concluíu a portavoz.