O concelleiro Iván Puentes quere impulsar en Pontevedra o modelo dos ecobarrios de Vitoria-Gasteiz

117
  • Trataríase de barrios de ‘emisión cero’, autosuficientes desde o punto de vista enerxético e do consumo, dotados de instalacións solares e sistema propio de reciclado de residuos e capaces de producir os seus propios alimentos a través de hortas urbanas
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible tamén se inspirará nos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS) aplicados nos Humidais de Salburua ou no arroio Zarauna para controlar o rego de Valdecorvos e acabar cos asolagamentos en Padre Fernando Olmedo
  • No marco dun encontro técnico-político mantido no Consistorio de Vitoria, no que participaron o seu alcalde, Gorka Urtaran, e a presidenta do Centro de Estudos Ambientais (CEA) do municipio alavés, Ana Oregi Bastarrika, plantexouse a posibilidade dunha alianza de ámbalas cidades para a captación de fondos europeos, con iniciativas como unha candidatura conxunta nun Interreg da Fachada Atlántica

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quere impulsar en Pontevedra o modelo de ecobarrios que o Concello de Vitoria-Gasteiz proxectou en varios distritos da capital alavesa. Trataríase de barrios de ‘emisión cero’, autosuficientes desde o punto de vista enerxético e de consumo, dotados de instalacións solares e un sistema propio de reciclado de residuos e capaces de producir os seus propios alimentos a través de hortas urbanas. Ademais, Puentes inspirarase nos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS) aplicados nos Humidais de Salburua ou no arroio Zarauna (no barrio de Zabalgana) para controlar o rego de Valdecorvos e acabar cos asolagamentos que se producen na rúa Padre Fernando Olmedo.


Estas ideas foron abordadas no marco dunha reunión técnico-política que os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, os socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco, mantiveron esta mañá na Sala 3 de Alcaldía da Casa Consistorial de Vitoria-Gasteiz co seu alcalde, Gorka Urtaran; a 2ª tenente de alcalde do Concello alavés, Ana Oregi Bastarrika, concelleira de Territorio e Acción polo Clima e presidenta do Centro de Estudos Ambientais (CEA); o concelleiro delegado de Mobilidade e Espazo Público, Raimundo Ruiz de Escudero; a coordinadora de Alcaldía, Saray Zárate; a xefa da Área de Estudos, Avaliación e Diagnose de Sostibilidade do CEA, Ane Itziar Velasco, e o asesor de Alcaldía, Valeriano Tena.


O encontro institucional coa delegación pontevedresa, da que tamén forman parte o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns e responsable do proxecto Rede Verde (que aglutina as accións financiadas por fondos europeos na nosa cidade a través da Fundación Biodiversidade), Manuel Fontán, e o director do departamento de Enxeñería Civil da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña (UDC), Alberto Varela, permitiu poñer en común coñecementos, experiencias e estratexias de dúas urbes que complementan os seus modelos de cidade, pero que os desenvolveron á inversa: “Pontevedra dedicou os últimos 24 anos a traballar dun xeito exitosos a peonalización e a redución do tráfico de vehículos a motor, pero deixou de lado a grande reforma verde e azul que agora conflúe nesa estratexia de renaturalización que chamamos Pontevedra Flúe -asegurou Iván Puentes- e Vitoria fixo xusto o camiño contrario: leva máis de 30 anos traballando en toda a infraestrutura verde da cidade e agora comeza a afrontar a redución de vehículos a motor no seu casco urbano. Ademais de achegar toda a nosa experiencia e as metas que nos marcamos con Pontevedra Flúe, vimos a aprender e a ver que modelos se testaron con éxito noutros lugares para poder importalos”.


Ao seu xeito de entender, “hai cinco cuestións fundamentais que a nós nos interesan moito de Vitoria e que estamos a testar”:


1. A primeira delas é dotar a Pontevedra dun Plan de Infraestrutura Verde, para o que xa dispoñemos de financiamento por parte da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica do Goberno de España (cun investimento de 110.813,90 euros), que temos que desenvolver de aquí ao ano 2025 e do que Vitoria dispón desde hai décadas. “Trátase desa especie de PXOM que vai regular os espazos verdes que ten a cidade e aqueles dos que nos temos que dotar de cara ao futuro e, sobre todo, os vai ordenar desde o punto de vista dos usos, planificándoos para que de verdade lle poidan dar servizo á cidadanía”, indicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible. Un documento que estratéxico que a UE nos vai esixir a partir de agora para calquera candidatura de fondos europeos que teñan finalidade medioambiental.


2. Vencellado ao anterior, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible tamén puxo os ollos na creación do Anel Verde de Vitoria, “algo que é moito máis que xerar parques, e que significa a recuperación de espazos ambientais degradados, como poden ser a Xunqueira de Alba, a riberira do Lérez, o río dos Gafos, toda a zona do barrio de Mollavao (vencellado á ría e ao regato de Fontesanta) ou a zona verde do rego de Valdecorvos na súa parte máis alta”. Un Anel Verde que, como sinala Iván Puentes, “permitiulle a Vitoria recuperar biodiversidade, que a cidade estea máis preparada para loitar contra o cambio climático, o incremento das temperaturas e os riscos de inundacións”.


3. Neste eido, segundo apuntou Puentes, “estamos a falar moito en Pontevedra nos últimos tempos das constantes inundacións que se producen na rúa Padre Fernando Olmedo e dos problemas que xera o rego de Valdecorvos: a solución que nós plantexamos coa estratexia Pontevedra Flúe consiste en construír un sistema urbano de drenaxe sostible e unhas balsas de inundación que, na parte alta do rego, sexan capaces de asumir todo o incremento de auga que ese río experimenta nos días de fortes choivas e eviten que o río desborde na parte baixa, no contorno do Estadio da Xuventude”. “Vitoria experimentou isto hai xa moitos anos -asegurou o edil do PSOE-, cun problema moito máis grave que o que nós temos e que resolveu de xeito exitoso, evitando que nunca máis se produciran asolagamentos, simplemente devolvéndolle ao río unha parte de inundación natural moito máis grande que a que nós temos planificada para o rego de Valdecorvos. É o exemplo de que eses Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostibles (SUDS), esas balsas de inundación natural, son unha ferramenta efectiva para poder previr o risco de inundacións”.

4. Un dos proxectos de maior interese para Pontevedra, e que conta con importantes vías de financiamento por parte da UE, son os coñecidos como ecobarrios. Tal e como explicou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “esta idea consiste en considerar illadamente cada un dos barrios da cidade e conseguir que sexan autosuficientes desde o punto de vista enerxético e do consumo”. “En definitiva, que sexan barrios de ‘emisión cero’, nos que a electricidade que consuman sexan capaces de producila dentro do barrio, fundamentalmente a través de instalacións solares e doutras solucións; que sexan capaces de reciclar os seus residuos, e incluso de producir os seus propios alimentos a través de hortas urbanas. É unha idea interesante, moi aplicable a Pontevedra de cara ao futuro”.


5. Por último, Iván Puentes subliñou que “Vitoria é referente como cidade verde a nivel mundial, participa en moitísimos proxectos europeos e internacionais, é líder en captación de investimentos e de fondos comunitarios (que ademais de transformar a cidade, permiten xerar emprego, riqueza e actividade económica para os veciños de Pontevedra e para as empresas asentadas na nosa cidade), e nós queremos sumarnos a ese tren que lidera Vitoria”. Ao seu xeito de entender, “Pontevedra chega en boa situación, despois de que a Comunidade Europea nos comunicase a semana pasada que somos a única cidade española que forma parte do Partnership Greening Cities e que imos ter un papel moi importante á hora de definir os mecanismos de financiamento e de establecer que proxectos verdes e azuis se impulsarán durante os vindeiros anos no conxunto de Europa, e agora queremos facer confluír todo isto coa experiencia de Vitoria”. “Por este motivo -anunciou- plantexámoslles tamén a posibilidade de compartir con eles algún proxecto futuro dos que a UE ten contemplados para a Fachada Atlántica. Hai boa predisposición por parte do seu Goberno Local e traballaremos nos vindeiros meses para que isto se poida concretar en solicitudes e accións concretas que nos beneficien ás dúas cidades. O máis plausible sería apostar por un deses proxectos de cooperación transfronteiriza Interreg Europe, que financia a UE. Nestes momentos xa temos unha candidatura da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e hai outra zona transfronteiriza, que é toda a Fachada Atlántica europea, na que Vitoria ten un papel central”.


Puentes amosouse convencido de que “se tivesen un río como o Gafos no centro de Vitoria, estaría liberado hai xa moitos anos”. “Eles non teñen ningún río grande de que atravese a cidade -apuntou- e están falando de aproveitar os pequenos regatos e arroios que apenas traen un fío de auga durante case todo o ano para integralos na cidade, renaturalizalos e aproveitalos para xerar vida en espazos agradables para o desfrute dos veciños e veciñas. A acollida da cidadanía é estupenda e estou convencido de que en Pontevedra temos aínda maior capacidade, porque temos mellores recursos hidrolóxicos, máis zona verde e unha cidade menos compacta, máis rica desde o punto de vista natural e menos degradada do que Vitoria estaba cando comezou a desenvolver este modelo. O tempo amosará que será unha fórmula de éxito”.

Ana Orige destaca a importancia de que a cidadanía se apropie deses espazos renaturalizados


Neste sentido, Ana Orige Bastarrika destacou que “o fundamental para ter éxito nestes proxectos de renaturalización de espazos é a apropiación por parte da cidadanía, é dicir, que a cidadanía faga seus estes espazos, sexa consciente de que incrementan a calidade de vida e que permiten, nun contorno próximo, desfrutar de todos eses servizos que a natureza nos ofrece a todos e a todas dun xeito gratuíto”. A concelleira do PNV lembrou que “os Humidais de Salburua, un dos pulmóns da cidade, un lugar marabilloso recoñecido como un humidal de importancia internacional e que foi un dos primeiros espazos que se recuperaron en Vitoria, estaban secos cando eu os coñecín, algo que ás veces se nos esquece”. “Un proxecto de prevención das inundacións -matizou- converteuse nun espazo de desfrute e de lecer e nun gran parque urbano que agora é de todos e de todas e que é unha peza fundamental nesta cidade”.


Ana Orige explicou que as liñas de traballo dos ecobarrios desenvolvidas na capital alavesa pretenden revitalizar unha decena de barrios, “mellorando as cuestións enerxéticas, a infraestrutura verde, a rehabilitación das vivendas e tamén as cuestións culturais, todo elo da man da cidadanía”. “Xa o fixemos no barrio de Coronación, con fondos europeos, e acabamos de conseguir fondos para abordar un segundo barrio, o de Zaramaga, onde actuaremos sobre un espazo de 525 vivendas”, indicou.

Nesta primeira xornada de visita institucional a Vitoria, a comitiva pontevedresa tivo ocasión de coñecer o novo aparcabicis da Praza da Memoria (que é, con 231 prazas, o máis grande da rede VGBiziz) e de empregar a excelente rede de carril bici da cidade vasca para percorrer puntos de interese como o Pazo de Congresos Europa, os Humidais de Salburua e o seu Centro de Interpretación (Ataria). Acompañáronos neste itinerario o concelleiro delegado de Mobilidade e Espazo Público, Raimundo Ruiz de Escudero; a coordinadora de Alcaldía, Saray Zárate; o asesor de Alcaldía, Valeriano Tena; o director de Ataria, Gorka Belamendia; a xefa da Área de Estudos, Avaliación e Diagnose de Sostibilidade do CEA, Ane Itziar Velasco, e o xefe da Unidade de Anel Verde e Biodiversidade do departamento de Medio Ambiente do Concello de Vitoria-Gasteiz, Fernando de Juana.