Comezan os traballos na rúa Liñares, en Lourizán, para a súa ampliación, pavimentación e mellora

19
A actuación proxectada e executada polo Concello de Pontevedra ten un custo de máis de 500.000 euros 

Na mañá do mércores comezaron os traballos de mellora nas rúa Liñares, sumándose aos traballos que se están a realizar nos lugares de Rial, Rorís e O Meán. O proxecto inicial para esta zona tivera que ser sacado de novo a licitación por mor da quebra da empresa á que lle fora licitado no seu día. O Concello aproveitou a ocasión para ampliar o proxecto inicial e incluír, a petición da veciñanza de Rorís, A Meán e Rial, a nomeada rúa Liñares.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co coordinador do rural, Alberto Oubiña, visitou a zona no inicio das actuacións nestes núcleos. «É unha actuación importante que permitirá ampliar o ancho da rúa grazas á cesión de varios veciños nun total de seis parcelas, deixando unha vía de seis metros e medio de ancho, totalmente operativa», explicou o rexedor. «Falamos dun investimento potente, de preto de medio millón de euros, e que entra dentro dese proxecto máis completo e amplo de 3 millóns de euros que xa fomos traballando en Lérez, A Peralba, Campañó ou Mourente».

Fernández Lores lembrou que «nunca antes se fixera un investimento tan potente no rural pontevedrés», unha serie de actuacións e proxectos que suman neste mandato máis de cen millóns de euros e que inclúen renovación e instalación de abastecemento, saneamento, rehabilitación de firmes, nova iluminación LED, equipamentos deportivos e equipamentos culturais.

«Estamos moi satisfeitos co proxecto que se está a facer nesta zona de Lourizán, máis aínda ao pensarmos que finalmente incluímos a rúa Liñares nesta actuación. Só podemos amosar o orgullo que sentimos a través destas obras de mellora», sinalou o alcalde. «Queremos que a veciñanza que vive no rural teña as mesmas condicións de vida que pode un ter no urbano; é o noso compromiso».