Benestar Animal solicita colaboración cidadá para axudar á Policía a localizar aos autores dun envelenamento nunha colonia felina de Conde de Bugallal e do roubo de dous gatos rusos valorados entre os 600 e os 900 € noutra próxima á ponte do Burgo

44
  • O edil socialista Marcos Rey enviará cartas aos veciños para colaboren achegando pistas sobre o acontecido e coa finalidade de concienciar á cidadanía “sobre as colonias ferales e a importancia de respectar a vida, a saúde e integridade física dos animais que as conforman”

A pesar do pioneiro labor desenvolvido por Pontevedra coa identificación dos colectivos e voluntarios encargados da alimentación e coidado dos gatos ferales cuns ‘carnés gatunos’ e a elaboración dun precursor censo de colonias felinas, aínda queda moito traballo por facer para concienciar á cidadanía no que atinxe ao respecto pola vida e a saúde dos animais. Uns desalmados volveron perpetrar nestes días novos actos incívicos que deberían resultar inconcibibles na nosa sociedade: a Concellería de Benestar Animal está a investigar o recente roubo de dous valiosos gatos rusos nunha colonia situada a carón da ponte do Burgo e o envelenamento doutra nas inmediacións da avenida Conde de Bugallal. 

Así o anunciou hoxe o responsable da área municipal, o socialista Marcos Rey, quen solicitou “a colaboración cidadá para axudar á Policía a localizar aos autores destes actos de crueldade e a lograr que paguen por estes feitos con toda a contundencia da Lei”. “Enviaremos cartas á veciñanza -avanzou o edil- para que nos dean pistas que nos permitan identificar aos infractores/as e, ao mesmo tempo, para concienciala sobre a necesidade de controlar e manter un bo estado de saúde das colonias ferales e a importancia de respectar a vida, o benestar e a integridade física dos animais. Todos debemos botar unha man para sinalar, perseguir e acabar dunha vez con estes actos de tortura e incivismo”, asegurou Rey.


Segundo explicou o concelleiro do PSOE, “os dous gatos rusos roubados na colonia próxima á ponte do Burgo teñen unha considerable cotización no mercado, xa que están valorados entre os 600 e os 900 euros, polo que o móbil deste crime resulta bastante evidente”. No caso do envelenamento dos exemplares que conforman a colonia de Conde de Bugallal, Marcos Rey amósase rotundo: “Non existe ningunha xustificación. Non entra en ningunha cabeza que funcione correctamente e non ten cabida na nosa sociedade”.


Tal e como lembrou o edil de Benestar Animal, arredor dunhas 50 persoas identificadas cos ‘DNI gatunos’ (dotados de códigos QR) encárganse nestes momentos da alimentación e coidado das 137 colonias felinas existentes en Pontevedra, incluíndo a voluntarios particulares e membros das asociacións Difusión Felina, Huellas Felinas e Adopcións de Galicia. “Destas 137 colonias censadas -apuntou-, unhas 58 xa están esterilizadas na súa totalidade, 37 teñen cando menos tódolos machos ou tódalas femias esterilizadas, e hai unhas 42 nas que estamos a enfocar as nosas accións”.

En menos dun ano, o número de gatos ferales pasou de 811 a máis dun milleiro, o que pon de manifesto o exponencial incremento dos casos de abandono de animais, que se produce non só nas colonias, senón cada vez máis en edificios ou colectores de lixo.

Trala creación do censo e dos ‘DNI gatunos’, Pontevedra converteuse na cidade de Galicia coas medidas máis avanzadas en materia de control das colonias felinas, desenvolvendo un labor planificado e unha acción coordinada entre os técnicos municipais e os colectivos e voluntarios que traballan no coidado de gatos salvaxes de colonia, gatos domésticos abandonados, gatos que caen das ventás, atropelados ou feridos por diversas causas. Non obstante, a expedición e distribución dos carnés con códigos QR respondeu a un estrito cumprimento da lexislación vixente, posto que a actual normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía non permite a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais, é dicir, só de xeito excepcional, polo que a identificación concreta dos responsables das colonias felinas resulta imprescindible por imperativo legal (os QR permiten á Policía dispoñer de tódolos datos do voluntario de xeito rápido e sinxelo).