O concelleiro Iván Puentes proxecta a creación dun Centro de Interpretación da Xunqueira de Alba inspirado no dos Humedais de Salburua e a dotación de patios escolares verdes con xardíns de chuvia semellantes aos de Vitoria nos centros educativos de Pontevedra

31
  • A proposta do edil do PSOE incluiría a posta en funcionamento de hortas escolares didácticas na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, de xeito que os futuros profesores poidan xerar conciencia medioambiental e de autoconsumo entre o seu alumnado

O proxecto de restauración ecolóxica e eliminación de especies invasoras impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural na Xunqueira de Alba, financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica (e que conta cun orzamento de 368.530 euros), podería completarse coa creación dun Centro de Interpretación semellante ao Ataria dos Humedais de Salburua, en Vitoria-Gasteiz. Esta é cando menos a intención do concelleiro responsable da área, o socialista Iván Puentes, que tamén prevé estender entre os centros educativos de Pontevedra un modelo de patios escolares dotados de xardíns de chuvia e hortas como o que xa se está a aplicar con éxito nos colexios da capital alavesa.


Estas ideas foron abordadas no marco dun novo encontro técnico-político que os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Iván Puentes e Yoya Blanco, mantiveron esta mañá coa 1ª tenente de alcalde e edil de Promoción Económica e Turismo de Vitoria, Maider Etxebarria, voceira do Grupo Municipal Socialista no Concello alavés; o concelleiro de Mobilidade e Espazo Público, Raimundo Ruiz de Escudero; o director da Unidade de Mobilidade e Ciencia de Datos do Centro de Estudos Ambientais (CEA) vitoriano, Juan Carlos Escudero Achiaga; a coordinadora xeral de Territorio, Acción polo Clima, Mobilidade e Espazo Público, Saray Zárate, e o asesor de Alcaldía, Valeriano Tena. Nesta segunda xornada de reunións, a delegación pontevedresa, da que forman parte o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o director do departamento de Enxeñería Civil da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña (UDC), Alberto Varela, tamén tiveron ocasión de coñecer ao resto de edís do Grupo do PSOE en Vitoria: Igor Salazar, concelleiro de Comercio, Emprego e Formación; Jon Armentia, 3º tenente de alcalde e responsable de Políticas Sociais, Persoas Maiores e Infancia; Estíbaliz Canto, concelleira de Educación e Cultura, e Borja Rodríguez, responsable de Administración Municipal, Transformación Dixital e Participación Cidadá.


Tralo encontro, no que se avaliaron as experiencias e resultados dos proxectos de peonalización, mobilidade e accesibilidade desenvolvidos por ámbalas cidades nas últimas décadas, a comitiva municipal tivo ocasión de visitar o parque infantil da Praza Etxauri, un bo exemplo de xardín de auga e restauración e reverdecemento de espazo degradado, e o ecobarrio de La Coronación, onde se comezaron aplicar políticas de autoeficiencia enerxética e autoconsumo.


Tal e como subliñou Iván Puentes, a nosa cidade pode importar de Vitoria “unha experiencia na que é pioneira a nivel nacional e internacional, que é a creación de patios verdes nos centros escolares e que consiste fundamentalmente en despavimentar parte deses patios, dos que moitos están totalmente asfaltados, son patios duros e sen ningún interese desde o punto de vista medioambiental, e recuperalos creando chans de herba e nos que haxa diversos elementos que lles permitan aos nenos e nenas interaccionar coa natureza”. “Esencialmente, xogos infantís con plantas e flores e tamén co que se denomina lagoas de choiva, que son láminas de auga moi finiñas, duns 50 centímetros de altura, moi controladas xa que estamos nun recinto escolar, que permiten que cando chove se acumule aí algo de auga, que aparezan anfibios e biodiversidade e crezan plantas e que os nenos e nenas día tras día poidan ver como van evolucionando eses ecosistemas e xogar e interaccionar con eses elementos. En definitiva, que en toda a súa xornada escolar, ademais de estudar, aprender e xogar ao que tradicionalmente se xoga nos patios dos colexios, teñan tamén un contacto diario, permanente, coa natureza e co ecosistema que teñen máis preto da súa casa”, explicou o concelleiro do PSOE.


A primeira experiencia podería testarse no CEIP A Xunqueira II

Puentes indicou que a Concellería de Desenvolvemento Sostible xa ten practicamente rematado o proxecto de reforma dunha parte do patio do CEIP A Xunqueira II, “que presenta un problema de asolagamentos durante os días de choiva na súa parte dianteira, onde xogan os nenos de Infantil”, polo que “a actuación prevista, que inicialmente estaba pensado para drenar, restar ese exceso de auga e canalizalo á condución xeral do Concello, podería completarse cunha intervención para poder reutilizar esa auga, que é limpa e que aflora alí de xeito natural, para crear eses pequenos espazos de auga controlados que fagan que o patio e o campo estean secos, pero teñamos tamén esas zonas con humidade que permitan que os nenos e nenas, acompañados polos seus profesores, poidan interaccionar coa natureza”. Segundo afirmou, “dentro destes patios verdes tamén se plantexa algo que en Pontevedra xa temos bastante avanzado, que son as hortas escolares, xa que practicamente tódolos centros de Primaria que nolos reclamaron teñen o seu horto”.


“En Vitoria -asegurou o socialista- van moi avanzados neste eido, pero ademais cunha medida moi concreta: teñen tamén na cidade, como nós, unha facultade de Ciencias da Educación e o Concello de Vitoria financia nese centro a creación dun horto para que os mozos e mozas que hoxe están estudando para seren mestras e mestres o día de mañá, aprendan xa desde a facultade a sensibilizarse con eses hortos escolares, de xeito que, cando sexan mestres, poidan incorporar ao seu día a día nas escolas toda esta aprendizaxe sobre os coidados do horto e sobre a importancia dunha alimentación saudable e de proximidade, baseada en produtos frescos. Isto podería solucionar ademais un problema que agora temos en Pontevedra, xa que tódolos centros que nolo solicitan dispoñen de horta, pero sempre están condicionados a que haxa un mestre que o pida, que se responsabilice e sensibilice con el. Cando ese profesor está, o horto funciona, pero cando non está, acaba decaendo e abandonándose. Se facemos o esforzo de que ano a ano tódolos profesores que formamos na Universidade de Vigo, saian da facultade con esa aprendizaxe, estou seguro de que reduciríamos tamén esta taxa de fracaso coas hortas escolares”.


Poderían aproveitarse equipamentos xa existentes para construír o Centro de Interpretación


Iván Puentes apuntou que o dos Humidais de Salburua “é un espazo natural que ten moitas semellanzas coa nosa Xunqueira de Alba, inicialmente degradado, moitísimo máis do que estivo e está a Xunqueira, porque non tiña auga, estaba desecado, e Vitoria hai anos que apostou por recuperar ese espazo: primeiro desde o punto de vista biolóxico, exactamente o que nós imos facer agora a través dos fondos Next Generation cunha Xunqueira que segue a ter humidade, pero que está pouco a pouco converténdose nun bosque, acolmatándose e perdendo esa riqueza biolóxica e ese carácter de humidal; e nun segundo momento, unha vez recuperado o espazo e dotado dunha rede de sendas para percorrelo (cousa que tamén se fará na Xunqueira, comezando pola zona das naves do Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial)”. “Nunha segunda fase, cando teñamos consolidada a restauración ambiental deste espazo e a cidadanía de Pontevedra comece a achegarse a el máis do que o fai actualmente, buscaremos captar fondos -sinalou Puentes-, para dotar á Xunqueira de Alba do seu propio Centro de Interpretación. Nin sequera habería necesariamente que construír un novo, xa que dispoñemos de equipamentos na zona que se poderían aproveitar”.


O concelleiro de Desenvolvemento Sostible é consciente de que “en moitas ocasións, este tipo de centros convértense en contedores baleiros, que non teñen sentido, funcionan pouco e practicamente carecen de actividade”, algo que “a experiencia de Vitoria nos amosa unha vez que depende de como se xestionen”. “Os Humidais de Salburua son semellantes en extensión aos que temos aquí e teñen unha riqueza medioambiental incluso menor que a da Xunqueira, e polo Ataria pasan 90.000 persoas cada ano… Nunha cidade como Vitoria, que non é turística, senón industrial, e que porcentualmente ten menos turismo do que temos en Pontevedra. Eles conseguiron facer dese humidal, que era un secarral, un dos principais atractivos turísticos da cidade, ao que ademais, os propios habitantes acuden para organizar actos e facer todo tipo de actividades. Imaxinen o que isto podería supoñer para Pontevedra en canto a actividade económica e polo de atracción para futuros visitantes”, subliñou o edil do PSOE.