O Concello portorriqueño de Cayey fíxase en Pontevedra

35

O seu alcalde Rolando Ortiz acompañado do vice-alcalde e técnicos municipais visitaron esta mañá a cidade, logo de coñecer referencias pola prensa internacional. 

Achegáronse á cidade do Lérez por ver o modelo que lles pode servir para continuar a transformación que están a realizar en Cayey dende hai 15 anos. 

O Concello de Pontevedra recibiu esta mañá a visita dos responsables do Concello de Cayey, municipio de 50.000 habitantes situado no centro da Illa de Porto Rico. A comitiva estaba encabezada polo alcalde Rolando Ortiz Veláquez, que se achegou a Pontevedra xunto ao vice-alcalde José A. Rodríguez Otero, a directora de programas federais; Sherileen Rivera Muñiz, directora de programas municipais; Elba Almedina Melendez, planificadora; Sonia Fontanez Ruiz, axudante do Alcalde; e Sherly Inchausty Bermúdez, axudante executiva e Directora Bellas Artes.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu no Concello a Rolando Ortiz e ao seu equipo que estiveron reunidos co director xeral de Alcaldía e Urbanismo, Xosé Manuel Tato Camino e posteriormente visitaron a cidade xunto ao concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda.

Lores agardou que a visita servira de inspiración para o traballo diario do Concello de Cayey. E o seu alcalde, Rolando Ortiz, explicou que “estamos atentos aos modelos que poden ser referentes para nós. Vimos nos medios o exemplo de Pontevedra e decidimos vir para compartilo”.

Afirmaron que Pontevedra é “un modelo de mobilidade urbana, unha cidade recoñecida en múltiples ocasións e en diferentes temas, non só da mobilidade. É un referente para outras cidades do mundo”, segundo unha das técnicas que formaban parte da visita de Cayey.