Pontevedra somérxese de cheo no Nadal cunha nova edición do Concurso de Escaparates impulsado pola Concellería de Promoción Económica

138
  • O Concello abrirá entre hoxe e o 12 de decembro o prazo para inscribirse neste certame, que entregará premios de 1.300, 800, 500 e 200 € aos catro primeiros clasificados
  • Tamén se sortearán 10 vales de 60 euros para gastar nos establecementos participantes entre os cidadáns que emitan o seu voto a través da plataforma Easypromos

A falta de máis dun mes para que cheguen as máxicas datas, Pontevedra comeza a somerxerse de cheo no Nadal cunha nova edición do Concurso de Escaparates impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo. O Concello abrirá entre hoxe e o día 12 de decembro o prazo para inscribirse neste certame, organizado co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade de cara á campaña de Nadal, animando á veciñanza e aos turistas a facer as súas compras; fomentar a cultura da innovación e a calidade no sector comercial, e embelecer as vitrinas da nosa cidade con propostas orixinais e creativas.


Poderán participar neste concurso tódolos establecementos comerciais minoristas e negocios de servizos de Pontevedra que conten con escaparates visibles dende a vía pública. Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “a temática do certame é o Nadal, con total liberdade no que atinxe á súa interpretación, deseño, técnica e estilo”. “Á hora de valorar os escaparates (de 0 a 10 puntos), o xurado terá en conta aspectos como a composición do escaparate a orixinalidade na temática de Nadal; o uso dos artigos que se comercializan como elementos decorativos; a interacción co público; o emprego de técnicas sostibles, materiais de refugallo ou elementos naturais (de uso obrigado), e o grao estimado de traballo empregado na conformación do escaparate final”, apunta a edil do PSOE.


O xurado, cuxa decisión será inapelable, estará presidido pola concelleira de Promoción Económica (sen voto) e integrado por profesionais de recoñecido prestixio nas áreas do escaparatismo, deseño, márketing, promoción comercial, fotografía e deseño de interiores. Entre tódolos escaparates presentados a concurso, os membros do xurado realizarán unha selección de 10 finalistas entre os días 15 e 26 de decembro, reservándose a opción de visitar individualmente os escaparates seleccionados.


Segundo aclara Yoya Blanco, “o público poderá realizar as súas votacións sobre estes 10 finalistas elixidos polo xurado, a través da aplicación Easypromos, entre os días 28 de decembro e 6 de xaneiro: os tres máis votados sumarán 10, 6 e 3 puntos en función dos ‘me gusta’ acadados”. Establécense dúas categorías de galardóns: os premios aos escaparates dos establecementos participantes (resultado da puntuación do xurado máis a do público a través de Easypromos), dotados de 1.300 (1º), 800 (2º), 500 (3º) e 200 euros (4º); e os premios outorgados ao público que participe emitindo o seu voto, consistentes en 10 vales de 60 euros para gastar nos comercios inscritos.


Os nomes dos gañadores e os premios do público daranse a coñecer o 9 de xaneiro


Os gañadores dos escaparates e os premios dos votantes daranse a coñecer o día 9 de xaneiro de 2023, mediante a súa publicación na páxina web e redes sociais do Concello de Pontevedra, e tamén mediante chamada telefónica.
Os establecementos comerciais interesados en participar neste Concurso de Escaparates de Nadal 2022 deberán presentar obrigatoriamente ata as 15:00 horas do día 12 de decembro unha solicitude por medios electrónicos a través do email escaparatesconcellopontevedra@gmail.com, incluíndo os seguintes datos: nome completo e teléfono de contacto, nome do comercio, breve memoria explicativa (un máximo de medio folio) do escaparate a concurso e dúas fotografías.


As persoas participantes comprométense a manter os escaparates decorados e visibles ao público entre os días 13 de decembro e 6 de xaneiro. Tódolos establecementos recibirán carteis promocionais que deberán estar visibles no escaparate. Ademais, os 10 finalistas disporán de cartelería con códigos QR que darán acceso á votación online.

Poden consultar as bases do concurso aquí: