Pontevedra será a sede da 57ª Convención de directivos da DXT

49

Celebrarase entre o 29 de novembro e o 1 de decembro e congregará a todos os directores provinciais do Estado así como a todo staff e altos cargos da Dirección xeral.

Lores amosa a súa “ilusión” porque este encontro se celebre na cidade xa que “a DXT sempre nos apoiou, acompañou e axudou no modelo de Pontevedra” 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores confirmou esta mañá que Pontevedra será a sede da reunión da 57ª Convención de directivos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) 2022 entre o 29 de novembro e o 1 de decembro. A esta cita acudirá a Dirección xeral, os seus altos cargos así como os xefes provinciais de Tráfico de todo o Estado, arredor de 70 persoas.

“Faime especial ilusión esta cita”, explicou Fernández Lores xa que “dentro dos organismos supramunicipais, a DXT sempre nos apoiou, acompañou e axudou no modelo de Pontevedra. Sempre tivemos as portas abertas”, indicou o alcalde.

Fernández Lores explicou que a relación máis estable foi con Pere Navarro, actual director xeral da DXT e tamén na anterior etapa do goberno socialista no Estado, “pero a relación coa institución sempre foi moi boa”.

Fixo referencia a que existe “unha estreita colaboración con eles e xa teñen feito alusión a Pontevedra na revista da DXT como cando recibimos o primeiro premio de seguridade urbana da Comisión Europea”.

Pendente de que sexa a DXT quen desvele a programación deste encontro na cidade, o alcalde confirmou que “estaremos presentes onde eles consideren”.