O Concello e a Deputación celebran o ano da compra de Santa Clara con xornadas de portas abertas e conferencias dos achados e traballos arqueolóxicos

329

A xornada de portas abertas serán o 3 e 4 de decembro en horario de 10 a 18 horas. Poderanse ver as escavacións realizadas no convento polo Museo de Pontevedra durante os últimos meses.

As conferencias sobre o resultado dos achados e os estudos realizados durante estes meses, comezan o día 22 de novembro e rematan o 14 de decembro. Todas serán en Santa Clara ás 19.30 horas. 

  O Concello de Pontevedra e a Deputación provincial celebrarán a partir do 22 de novembro o primeiro ano da compra do Convento de Santa Clara. A programación conxunta confeccionada polas dúas institucións para esta ocasión contempla xornadas de portas abertas para coñecer as escavacións arqueolóxicas e conferencias dos expertos que traballaron sobre o terreo no convento. A programación presentárona esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o vicepresidente provincial César Mosquera na igrexa de Santa Clara.

Os días 3 e 4 de decembro, sábado e domingo, en horario continuado de 10 a 17.30 horas, o Concello volverá a abrir as portas de Santa Clara nunha xornada nas que os visitantes poderán acceder á planta baixa e á horta do convento. A entrada será de balde e sen inscrición.

Farase un percorrido polos sondeos arqueolóxicos guiado polos profesionais que traballaron neles. A igrexa será o “centro de recepción de visitantes” onde se proxectará un breve vídeo (duns 3 minutos aproximadamente) sobre este ano da compra e os labores de escavación. Os visitantes tamén se lles entregará un folleto cunha breve explicación da visita.

Na visita poderanse ver espazos como: 

  • O edificio do século XVIII onde as escavacións atoparon muros das antigas edificacións de Santa Clara. Trátase dun baixo non aberto ao público xa que estaba totalmente cheo de entullos.
  • O claustro onde permanecen abertos os enterramentos sen os osos retirados para o seu estudo.
  • A adega para ver as pipas de viño do convento.
  • A antiga cociña onde para ver a lareira. 
  • O vello refectorio, zona que se amosa por ver primeira porque tamén estaba cheo de entullos.
  • No exterior, a zona máis primitiva do convento, 
  • No Bosque para visitar as últimas escavacións, preto do cemiterio, onde apareceron pavimentos e conducións do antigo convento.

A saída será libre polo bosque e a horta até a porta de carros, e de aí á rúa. Está previsto que se fagan grupos de 20 ou 30 persoas por visita, de tal xeito que arredor de 250 persoas poderán estar no convento ao tempo visitando distintos puntos. De todos os xeitos, o alcalde pediu que, para evitar aglomeracións, se espacien ao longo de toda a xornada.

Ao respecto das conferencias proxectadas pola Deputación provincial todas serán na igrexa de Santa Clara ás 19.30 horas. As datas son as seguintes:

  • 22 de novembro de 2022. “Ósos, cacharros, clausura e chocolate. Primeiros resultados da escavación en Santa Clara”. Rafael M Rodríguez Martínez (director do proxecto) e Israel Picón Platas (codirector da intervención).
  • 23 de novembro de 2022. “Cando as paredes falan”. Dr. Victoriano Nodar, sobre lectura de alzados e paramentos interiores e exteriores dos edificios.
  • 29 de novembro de 2022. “Compoñendo puzzles” Aldara Rico exporá os traballos de conservación e restauración dos materiais mobles localizados durante os traballos arqueolóxicos.
  • 1 de decembro de 2022. “A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara”. Dr Olalla López e Clara Veiga, responsables dos estudos de antropoloxía, falarán sobre as inhumacións.
  • 5 de decembro de 2022. “Os papeis de Santa Clara”. Dr. Suso Vila, sobre a investigación histórico-artística e baleirado documental.
  • 13 de decembro de 2022. “Conferencia de (case) clausura” Dr. Xurxo Ayán, que falará sobre a clausura na orde das irmáns pobres de Santa Clara.
  • 14 de decembro de 2022. “Plantas no pasado e no presente do convento de Santa Clara” a Dra. María Martín e a Dra. Carmen Salinero.

Oportunidade única para Pontevedra

O vindeiro 1 de decembro cúmprese un ano da compra de Santa Clara por 3,2 millóns de euros por parte do Concello de Pontevedra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que aquela operación “foi unha oportunidade única para Pontevedra, para esponxar a cidade nun barrio de alta densidade de edificación, coa posibilidade de abrir a zona verde ao uso público, de aproveitar as súas dependencias, e de coñecer máis a nosa historia”.

Nestes doce meses, o Concello organizou visitas guiadas, xornadas de portas abertas, visitas específicas para colectivos, veciños e veciñas, colexios profesionais, de ensino… A igrexa transformouse nunha infraestrutura cultural máis da cidade acollendo faladoiros, concertos, música, gravacións de cine…

Neste tempo tamén se definiu o futuro do convento. Pasará a mans do Museo de Pontevedra e convocará un concurso internacional de anteproxectos “no que o Concello e a Deputación temos moitas expectativas”, indicou Lores, quen aseguro que as negociacións para abrir o convento ao uso público tanto pola rúa Santa Clara como por Barcelos “vai ben encamiñado”.

Un proceso democrático

A presidenta da Deputación Carmela Silva asegurou que “non coñezo moitos casos nos que nun só ano se fixeran tantas actuacións, tanto desde o punto de vista político como do técnico, a través dos responsables do concello e dos arqueólogos”. Nesta liña, lembrou que o desenvolvido no último ano non foi un proceso interno, senón “democrático”, do que foron partícipes todas e todos os cidadás de Pontevedra, “abríndose as portas de Santa Clara para que a veciñanza a puidera coñecer”. “Conseguimos espertar unha gran paixón tanto na cidade como na provincia e incluso en Galicia”, quixo resaltar a presidenta da Deputación, ao tempo que lembrou que “foron moitas as horas de traballo dedicadas polo equipo de arqueólogos dirixidos por Rafael Rodríguez”. 

Por iso, agora a Deputación busca “achegar o coñecemento adquirido ao público para que o proceso de análise realizado non quede só para os expertos e experta”. Por iso, animou á cidadanía pontevedresa a participar no ciclo de charlas que a Administración provincial pon en marcha entre os días 22 de novembro e 14 de decembro en Santa Clara. “Vai ser apaixonante descubrir tantos séculos de vida destas paredes”.

Avanzando na incorporación ao Museo

O vicepresidente provincial César Mosquera, pola súa banda, subliñou que o convenio entre Deputación e Concello para a cesión da propiedade está pendente de informe da asesoría xurídica municipal, a punto de ser aprobado para a súa sinatura. Salientou que os termos políticos están claros e que grazas a iso a administración provincial xa ten iniciado o expediente para o concurso internacional de proxectos. A previsión é que no primeiro semestre do 2023 estea seleccionado polo xurado o anteproxecto gañador.

Mosquera fixo chanza asegurando que “non sairá” de Santa Clara ante o interese das actividades propostas para a conmemoración do aniversario. Destacou que nas charlas falarase de cousas tan interesantes como as mencionadas no informe-memoria entregado sobre o convento, no que quedan reflectidas cuestións que “abren debate”, como a data real de fundación do convento, 1271 ou 1293, ou como o ‘pleito’ aberto polas monxas no século XVIII cando dependían da orde dos Franciscanos e contra a que se rebelaron polo aproveitamento  ‘excesivo’ que os monxes tiraban das clarisas en canto a comidas e outros gastos, ademais de relativo a cuestións relixiosas. A solución chegou logo dunha intermediación do Bispado que sacou ás monxas da tutela dos Franciscanos.