O Concello convocará en 2023 o I Premio de memoria histórica Mariví Villaverde

25

Con motivo do centenario do nacemento de Mariví Villaverde, o Concello de Pontevedra anuncia a creación dun premio literario en colaboración coa editorial Cumio sobre memoria histórica. 

Mariví Villaverde foi unha destacada activista da memoria histórica de Pontevedra. Nada o 22 de novembro de 1922, foi unha das mulleres que máis traballou pola xustiza e pola dignidade das vítimas do franquismo:  Mariví Villaverde, activista da memoria histórica que deixou unha fonda pegada en Pontevedra, facendo parte hai maís de vinte anos, das primeiras reunións que impulsaron as políticas de memoria deste Concello.

A súa loita veuse recoñecida en vida co premio Galiza Mártir, máis é imprescindible lembrarla a través da súa obra e non só no ano do seu centenario senón cun premio literario que perdure e que leve o seu nome, e así lembrar ano a ano quen foi Mariví Villaverde.

Por todo isto, o Concello de Pontevedra da man da editorial Cumio convocará para o próximo ano o I Premio de memoria histórica Mariví Villaverde, onde poderán presentarse obras tanto de ensaio como de narrativa, sempre coa temática da memoria histórica.

As bases do premio anunciaranse nos próximos días polo Concello e serán publicadas posteriormente.