O programa Pinto e Maragota pon en marcha unha actividade didáctica ao redor da historia da disidencia sexual en Galicia

26
  • Baixo o título ‘A nosa memoria é diversa’, as sesións organizadas pola Concellería de Igualdade, impartidas pola doutora en Historia e activista LGBTIQA+ Daniela Ferrández, deron comezo esta mañá na EPA Río Lérez e continuarán esta tarde no IES Sánchez Cantón

Dentro do programa municipal pola diversidade sexual Pinto e Maragota, a Concellería de Igualdade de Pontevedra puxo hoxe en marcha a iniciativa ‘A nosa memoria é diversa’, unha actividade didáctica ao redor da historia da disidencia sexual en Galicia destinada a alumnado de 4º ESO, Bacharelato e ciclos formativos. A través de nove sesións impartidas pola doutora en Historia e activista LGBTIQA+ Daniela Ferrández, autora da obra ‘A defunción dos sexos. Historia da disidencia sexual na Galiza Contemporánea’ (editado recentemente por Xerais), o proxecto tradúcese nun roteiro virtual a través de Google Maps polos lugares de Galicia asociados a acontecementos da historia da disidencia sexual, algo que se acompañará doutros recursos visuais como fotografías e vídeos.


A iniciativa deu comezo esta mañá na EPA Río Lérez (para estudantado adulto) e continuará esta tarde no IES Sánchez Cantón, en dúas sesións (ás 16:30 e ás 17:30 horas) para alumnado de 4º da ESO. Segundo explica a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “nestes obradoiros, a relatora describe eses acontecementos e axuda a mellorar a comprensión sobre a diversidade sexual, a súa historia e a súa situación no pasado e no presente, así como a idea de que tamén participou nestes procesos, que tradicionalmente temos identificados con lugares como Nova York (a Revolta de Stonewall), Madrid ou Barcelona”.


“Esta actividade -sinala a edil do PSOE- conecta tematicamente co lema ‘Orgullo e Memoria’ das celebracións da semana do Orgullo LGBTIQA+ celebrado en Pontevedra, coa finalidade de celebrar e reivindicar a memoria do colectivo LGBTIQA+ en Galicia. A vindeira semana trasladarase aos IES Torrente Ballester, Frei Martín Sarmiento e A Xunqueira I e ao CIFP A Xunqueira”.