Benestar Social e a Fundación Meniños fan un chamamento aos cómplices dos Reis Magos para que ningún neno, nena ou adolescente de Pontevedra en situación ou risco de exclusión social quede sen o seu agasallo de Nadal

38
  • Un ano máis, o Concello lanza a campaña (en)Volve, na que a cidadanía poderá colaborar con agasallos dun máximo de 35 euros comprados en establecementos comerciais da cidade de entre os recollidos nas cartas escritas polos menores

Un ano máis, a Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, en coordinación coa Fundación Meniños, pon en marcha a campaña (en)Volve, co obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente de Pontevedra en situación ou risco de exclusión social quede sen o seu agasallo de Nadal. Con tal motivo, a iniciativa agarda contar de novo coa colaboración da cidadanía pontevedresa e ‘recrutar’ cómplices dos Reis Magos que merquen algún agasallo recollido nas cartas escritas por estes menores.


Coa finalidade de poder planificar a iniciativa con tempo e de facilitar que sexa segura para tódalas persoas implicadas, a campaña comézase con antelación e, ao igual que o ano pasado, enviaranse cartas vía whatsapp para evitar o contacto presencial coas familias ata o momento da entrega dos agasallos (que terán un importe máximo de 35 euros). “Animamos aos cómplices dos Reis Magos a que merquen nos comercios da cidade e a inscribirse a través do correspondente formulario (https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSf8z3gKWSEINGMW0oq7h6CzQ7y2XDL3B0AB3qrKJn3Y6N4RBw/viewform?usp=share_link)”, afirma Marcos Rey.

As instrucións para os cómplices son as seguintes:

  • Escoller un agasallo dos tres que figuran na carta.
  • O prezo máximo do regalo para cada nena, neno ou adolescente é de 35€.
  • O agasallo pode ser dunha marca semellante á especificada na carta.
  • Unha vez mercado o agasallo, deberá entregarse na Casa Azul (rúa Sor Lucía, nº2. Fundación Meniños) nun prazo máximo de dúas semanas trala recepción da carta.
  • É importante levar o número da carta xunto co agasallo (non é necesario indicar o número no paquete).
  • Acompañar o agasallo co tícket (por se fose necesario cambialo por estar defectuoso).
  • Non deben enviarse agasallos a través de mensaxería, xa que dese xeito non é posible localizalos e poden quedar sen entregar.
  • Anímase aos cómplices a mercar o agasallo no comercio local.
  • En caso de dúbida, será posible contactar por whatsapp ao 678754933.
  • Precisamos que os cómplices sexan moi conscientes do compromiso que adquiren participando na campaña, e agradecémoslles que, se non poden asegurar a súa participación, omitan inscribirse.