Veciñanza e empresariado de Loureiro Crespo e da Pasarela organizan un magosto este venres aberto a toda a cidade

269

O Concello colabora con eles para que sexa unha tarde de festa. A partir das 17.00 horas instalarase unha carpa na que un castañeiro entregará castañas asadas e degustación de doces.

A festa estará amenizada pola música dos Alegres e haberá actividades para crianzas. 

Este venres, 25 de novembro, a partir das 17.00 horas a veciñanza e o empresariado de Loureiro Crespo e da Pasarela José Adrio celebrarán un magosto aberto a toda a cidade que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra. Esta mañá, veciños e empresarios presentaron esta cita da fin de semana en compañía do concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez que estivo atendendo ás peticións veciñais e empresariais durante o longo proceso de reforma da rúa.

Instalarase unha gran carpa na pasarela do tren, na que un castañeiro despachará castañas asadas e tamén haberá doces de degustación en colaboración coas pastalerías da cidade. Tamén haberá animación musical dos Alegres e actividades para crianzas.

Trátase dunha actividade provomida pola veciñanza e coa intención de continuar a dinamizar todo o barrio.

Demetrio Gómez resaltou a vida do barrio de Loureiro Crespo e da Pasarela xa que ten unha actividade “case autónoma ao resto da cidade”. Con esta iniciativa pretenden que outros veciños doutras partes da cidade se acheguen ao barrio e coñezan a súa oferta.