Expertos de diferentes sectores vencellados á gastronomía protagonizarán o I Foro Think Tank impulsado no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro

162
  • O evento, financiado pola Deputación Provincial e que nesta edición inaugural estará centrado en Gastronomía e Sostibilidade, celebrarase no Gastroespazo do Mercado de Abastos entre o sábado 26 e o luns 28 de novembro, estará aberto ao público e contará coas mesas redondas ‘As ‘drinks’ protagonistas da gastronomía’, ‘Gastronomía e Sostibilidade, tendencia ou moda?’ e ‘O emprendemento en gastronomía: novos modelos de negocio’
  • O programa das xornadas, no que haberá catas, degustacións e shows, inclúe a entrega do premio ao proxecto seleccionado pola aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos GastroLab

Contar con laboratorios de ideas e grupos de expertos xogará sen dúbida un papel esencial no obxectivo de posicionar e consolidar a Pontevedra como referente gastronómico nacional. Co propósito de exhibir a seriedade e o músculo do proxecto Pontevedra Capital Gastro e de afrontar a gastronomía como ciencia que é, incidindo na investigación e na innovación, a Concellería de Promoción Económica e Turismo, en colaboración coa Deputación Provincial (que financia esta iniciativa), celebrará esta fin de semana no Gastroespazo do Mercado de Abastos o seu I Foro Think Tank (tanque ou grupo de reflexión), un encontro que nace con vocación de continuidade e que nesta edición inaugural estará centrado en Gastronomía e Sostibilidade.


O evento, que terá lugar entre o sábado 26 de o luns 28 de novembro e que está aberto á cidadanía, aspira a converterse nun espazo onde profesionais de diferentes sectores dentro da gastronomía reflexionarán sobre aspectos como a sostibilidade e o ‘zero waste’ (cero residuos), a importancia das bebidas dentro da gastronomía e o emprendemento e os novos modelos de negocio existentes na actualidade dentro do sector. A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que “o foro traballará cada ano sobre diferentes conceptos, elixíndose para este primeiro Think Tank un tema que consideramos esencial neste novo escenario postpandémico, como é a Gastronomía e a Sostibilidade, e que dividiremos en tres bloques que serán abordados minuciosamente: Sostibilidade, Tendencias de Consumo e Novos Modelos de Negocio en Hostalería e Turismo”. 


“É absolutamente necesario parar un intre e analizar o escenario que deixou tras de si esta pandemia -afirma a edil do PSOE-, repensar o rumbo, entender que cousas mudaron e como debe reaxustarse o sector. Para achegarnos a cada un dos tres bloques, deseñamos un programa con mesas de relatorios e discusión, que darán paso a prácticas que se traducirán en eventos máis lúdicos”.


O programa deste I Foro Think Tank de Pontevedra será inaugurado este sábado 26 de novembro ás 20:15 horas nun acto institucional no que participarán a propia Yoya Blanco; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e un representantes da Deputación. A continuación, ás 20:30 horas, celebrarase unha mesa redonda titulada ‘As ‘drinks’ protagonistas da gastronomía’, moderada pola experta en proxectos gastronómicos Elena Vitoria (responsable da firma Carta Blanca e CEO de Salmoira) e que terá como relatores a Gonzalo Rodríguez (do Club del Café), un dos mellores baristas de España e é un dos poucos tostadeiros de Specialty Coffee de Galicia; Carlos Abilleira, responsable de Talento Cóctel e campión galego de Gin Tonic; Sonia Molero, sumiller profesional da Escola Española de Cata de Madrid, xerente de Uve Positivo e especialista en turismo enolóxico e gastronómico, e o presidente do colectivo de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), Daniel Lorenzo. A xornada pecharase arredor das 21:30 horas cun Rebel Wine Time a cargo de Sonia Molero, que se encargará de maridar cos bocados do Gastroespazo.


Para o domingo 27 de novembro ás 12:00 horas está prevista unha mesa redonda na que se nos plantexará a seguinte pregunta ‘Gastronomía, sostibilidade e desperdicio cero. Tendencia ou moda?’ e na que, baixo a coordinación de Elena Vitoria, participarán o concelleiro Iván Puentes, impulsor da estratexia Pontevedra Flúe e do Plan de Sostibilidade Turística de Pontevedra; o chef Rubén González Vallejo, de El Cafetín; a sumiller Sonia Molero; o responsable de J.Carrera (empresa especializada en maquinaria de alta gama para panaderías, pastelerías, xeadarías, alta restauración e pizzerías), Javier Carrera Abalo; a CEO de BGreen (que axuda aos hostaleiros a loitar contra o cambio climático), Patricia Fernández, e os socios de Bodega EntreVideiras Anxo Eiras e César Alonso. Ao rematar, ás 13:30 horas, haberá unha sesión vermú cunha cata de viño e bocados do Gastroespazo.


Dous proxectos aspiran ao premio do GastroLab


Na xornada de clausura do luns 28 de novembro celebrarase unha mesa redonda sobre ‘O emprendemento en gastronomía: novos modelos de negocio’, que será moderada polo xornalista Álex Espiño e na que intervirán a CEO de BGreen, Patricia Fernández; a CEO de Salmoira, Elena Vitoria; as responsables do espazo gastronómico Via Nai, Silvia Massetti e Mercedes Murga; o CEO de Bluscus – Turismo Marinero, Pablo Mariño, e un representante da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje). Asemade, ás 13:30 horas terá lugar o acto de entrega do premio ao proxecto seleccionado pola incubadora e aceleradora de iniciativas gastronómicas GastroLab, un galardón que a empresa agraciada recollerá das mans de Yoya Blanco e Iván Puentes.


Tal e como indicou a concelleira de Promoción Económica, “de entre os cinco proxectos preseleccionados e que foron presentados en abril deste ano a unha mesa de expertos encabezada pola nosa madriña Eva Ballarín, dous foron os que chegaron ata esta fase final: o de Rutas ‘O Río como Prato’ (Ultramarinos), unha iniciativa que ten como eixo central o desfrute do río como elemento de lecer e cunha finalidade gastronómica, a través de diversas rutas e eventos gastro; e Spanishbox, unha proposta que consiste nun servizo de envío periódico de caixas de subscrición de comida española a domicilio (con alcance xeográfico ata a Unión Europea e os países do espazo Schengen, sen descartar nun futuro amplialo a outros continentes)”.


O programa pecharase ás 13:45 horas cun Bar Talent Show a cargo de Carlos Abilleira (con bocados do Gastroespazo).