O Ganapán pecha novembro esta fin de semana cunhas orixinais e deliciosas receitas de biscoito de requeixo e pasas e medialúas con froitas e chocolate

10
  • Entre as actividades programadas no Gastroespazo do Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica tamén se inclúen talleres de confección de avionetas e de unicornios de papel

O programa municipal de lecer infantil O Ganapán regresa esta fin de semana cuns obradoiros de cociña nos que os máis pequenos poderán elaborar receitas idóneas para este frío e chuvioso final de novembro. Así, os nenos e nenas de 4 a 10 anos que participen nas actividades organizadas no Gastroespazo do Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para o sábado 26 e o domingo 27 terán ocasión de cociñar unhas medialúas con froitas e chocolate, crocantes e cun recheo espectacular (perfectas para acompañar algo quentiño), e un biscoito de requeixo e pasas.


Asemade, a rapazada tamén poderá sacar o seu lado máis creativo grazas a uns talleres nos que confeccionarán unhas coloridas avionetas para asucar os ceos e fabulosos unicornios de papel. Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “todos aqueles pequenos que queiran participar no Ganapán desta fin de semana deberán reservar a súa praza previamente a través da dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com, indicando no email posibles alerxias ou intolerancias”. “E moi imporante: que ninguén esqueza traer a súa friameira para levar a casa as receitas elaboradas”, engade a edil do PSOE.