O ritmo de licenzas urbanísticas na cidade amosa o bo estado do sector da construción que “non está estrangulado”

1

En 2021 e 2022 tramitáronse 428 licenzas que foron permitindo ir completando a cidade en rúas como  Filgueira Valverde, Joaquín Costa, Rouco ou A Barca.

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, destaca o auxe do sector dos xeriátricos, cunha nova licenza solicitada para unha residencia de 150 prazas e 24 apartamentos nos antigos terreos de Tafisa. 

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda informou esta mañá da situación de tramitación das licenzas no ámbito urbano nos últimos dous anos, o que amosa que “a actividade económica vai para adiante e que a construcción é un sector da economía local, e que imos completando a cidade”.

Tamén aclaro que neste momento o mercado da vivenda “non está estrangulado”, tal e como o amosan as licenzas que concedeu e tramita o Servizo de Urbanismo do Concello de Pontevedra no 2021 e neste 2022.

No 2021, o Concello concedeu licenza para a construcción de 144 vivendas, e no 2022 están en tramitación a licenza de 284 vivendas. Polo tanto, “nestes dous anos vese que o sector da construcción residencial non está mal”.

O concelleiro tamén salientou o auxe que está a vivir o sector dos xeriátricos, cunha nova licenza presentada para construír un xeriátrico en Tafisa. Logo de ter aprobado o estudo de detalle urbanístico, o Concello tramita unha licenza para 150 prazas, das cales 48 serán de habitacións dobres e 102 de habitacións individuais. Tamén inclúen 24 apartamentos tutelados que disporán de dormitorio, cuarto de baño, un pequeno salón e unha cociña, aínda que disporán dos servizos comúns da residencia.

Está previsto actuar nunha superficie útil de 10.031,43 metros cadrados e resultará unha superficie construída de 12.290 m2. O orzamento de construción é de 7.374.472,24 euros.

Esta sería a sétima residencia da Terceira Idade de Pontevedra, xunto á de Campolongo, Soremay, Saraiva, Domusvi, a que se constrúe na Parda e a promovida pola Fundación Amancio Ortega.