Os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes inauguran o evento por antonomasia da gastronomía en miniatura: o Pontedetapas regresa despois de dous anos de parón con 25 establecementos en competición

489
  • O certame estrea un novo sistema de votación dixital, no que as puntuacións de cada tapa se realizarán a través dun código QR personalizado dispoñible en cada local
  • A cidadanía terá á súa disposición nos establecementos participantes e na oficina de Turismo un pasaporte ‘Pasatapas’ que, mediante o seu selado, permitirá acceder a agasallos directos e ao sorteo de seis ceas para dúas persoas, cinco entradas dobres ao Museo Estrella Galicia (Mega) e vinte lotes de cervexas especiais 1906

Os concelleiros de Promoción Económica e de Desenvolvemento Sostible, Yoya Blanco e Iván Puentes, protagonizaron esta mañá, acompañados do presidente do colectivo de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), Daniel Lorenzo, o roteiro inaugural do certame por antonomasia dos sibaritas da gastronomía en miniatura: o Pontedetapas 2022 arrinca hoxe despois de dous anos de parón obrigado pola pandemia con 25 establecementos da cidade e 26 tapas en competición. O evento, do que a cidadanía poderá desfrutar e participar coas súas valoracións ata o día 4 de decembro, estreará nesta edición un novo sistema de votación dixital, no que as puntuacións de cada tapa se realizarán a través dun código QR personalizado dispoñible en cada local.


Ademais, os pontevedreses poderán adquirir en tódolos establecementos participantes e na oficina de Turismo de Pontevedra (rúa Churruchaos, 2, trala Casa Consistorial) o ‘Pasatapas’, o pasaporte que, mediante o seu selado, permitirá acceder a agasallos directos e ao sorteo de seis ceas para dúas persoas nos negocios que resulten gañadores nas dúas categorías en concurso (Mellor Tapa Creativa e Mellor Tapa Tradicional), cinco entradas dobres ao Museo Estrella Galicia (Mega) e vinte lores de cervexas especiais 1906.


As tapas e establecementos que competirán este ano na iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Asociación de Hosteleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) son as seguintes:

  • Ultramar: Mexillón nunha mariñeira, cremoso de apionabo e mollo de herbas frescas
  • Loaira Xantar: Trasmallos entre neboeiro
  • Umami Poke Restobar: Allegra (opción vegana)
  • Pintxoviño: Taquiño de atún
  • A Gramola: Brioche de carrilleira
  • Bar Karma: Tortilla Kármica (vegana)
  • Tabula Rasa: Viva México… Gambones!
  • A Fervella: Ensaladilla de polbo
  • La Buena Vida: Tapita churraskiña con tapas lokas
  • Adega dos Avós: Tortilla de polbo
  • La Culpa de la Gula: Bolo de vento de txangurro con crema de wakame, fideos fritos e katsuobushi
  • Gumer: Canelóns de xarrete de vaca galega
  • Bocarte: Ovella que bala…
  • Meu e Teu: Fazulas en salsa de mencía
  • El Cafetín (La Gastroteca): VacaLao ‘Do cru ao cocinao’
  • Café Central: Delicia galega
  • Soulbeer: Ínfulas de pataca ao medio polo
  • Lulo Gastrogrill: Mini bourbon BBQ burger
  • Casa Verdún: Gofre de outono
  • Sirius Bar: Burger sirius
  • Padal da Santiña: Morde millo
  • Padal da Santiña: Porrogreen
  • Cre-Cottê: Bocadito crujiente de langostino
  • Icewolf: Momos de cocido galego en caldo dashi
  • Pontegrill: Celta caribeño
  • Cafetería Sonata: Novembro salgado

Segundo explicou Yoya Blanco, “unha das principais novidades desta edición é que imos empregar un sistema de votación dixital: cada establecemento terá dispoñible cartelería cun código QR personalizado por tapa”. “A lectura desde código -sinalou a edil do PSOE- deriva a un formulario de votación no que o cliente deixará os seus datos e puntuación. Unicamente poderá votar unha vez (con puntuación do 1 ao 5), recibindo un correo electrónico coa resposta enviada. Ademais, os que leven consigo o ‘Pasatapas’ debidamente cuberto con tódolos datos persoais (o pasaporte é de uso persoal e intransferible) poderán acumular os selos das diferentes tapas. Os que teñan seladas cando menos 20 tapas accederán a agasallos directos. O ‘Pasatapas’ deberá depositarse na oficina de Turismo para participar nos sorteos”.


Elixirase á Tapa de Pontevedra, que representará á cidade na final do #deTapasxGalicia


Tal e como lembrou a concelleira de Promoción Económica, “o concurso concederá galardóns en dúas categorías: a de Mellor Tapa Creativa, na que se ponderarán valores gastronómicos como a innovación, a técnica, a presentación e a orixinalidade da proposta; e a de Mellor Tapa Tradicional, sendo o uso das receitas tradicionais, a utilización de produtos de proximidade e a identidade gastronómica galega os valores a avaliar”. Establecéronse dous premios (primeiro e segundo) para cada categoría (Tapa Creativa e Tapa Tradicional), que se traducirán en placas de recoñecemento da posición conseguida, e o establecemento que acade o primeiro premio do público na categoría de Tapa Creativa terá o recoñecemento de Tapa de Pontevedra, representando á cidade na final do #deTapasxGalicia, o certame organizado pola Axencia de Turismo de Galicia da Xunta, no que competirán as tapas gañadoras dos distintos concursos de tapas das 7 cidades. 


Coa finalidade de botarlle unha man ao sector neste momento tan complicado, a cota de inscrición (que noutras edicións se situaba nuns 60 euros) foi asumida integramente nesta edición pola Concellería de Promoción Económica. Tódalas tapas teñen un prezo de venda ao público de catro euros e cada negocio estableceu un horario concreto para o servizo das tapas.