Comeza a reforma integral da conexión do núcleo de Ponte Sampaio e Cacheiro (Canicouva) co ensanche da calzada

1

Os traballos arrancan o luns coa retirada do arborado situado ao lado da vía para poder ampliala até os 6.50 metros e para que permita que dous vehículos se crucen.

O investimento total da inversión é de 722.000 euros e conecta os núcleos de Cacheiro e As Laceiras, cara Ponte Sampaio e Paredes (Vilaboa). 

O Concello de Pontevedra inicia a vindeira semana unha actuación de gran calado na parroquia da Canicouva para mellorar a seguranza viaria na PO-264. A actuación, valorada en 722.381,26 euros, conecta os núcleos de Cacheiro e As Laceiras. É a principal vía de comunicación co núcleo urbano de Ponte Sampaio e coa parroquia de Paredes, no concello de Vilaboa.

A obra comeza o vindeiro luns coa retirada do arborado na beira da estrada xa que está previsto ampliar a calzada ao longo do seu trazado mellorando as condicións de seguranza viaria. Nesa fase non está contemplado un plan de tráfico algún xa que de haber algún corte de circulación sería moi puntual. De todos os xeitos, o Concello roga aos usuarios da vía que nestes días estremen as precaucacións na circulación xa que haberá maquinaria retirando arborado.

A actuación

O proxecto contempla actuar en 820 metros lonxitudinais da PO-264 e ten como propósito fundamental a mellora da seguranza viaria e a conservación da estrada.

Está previsto introducir melloras na traza da calzada ensanchando a plataforma até os 6,50 metros, xa que neste momento non collen dous vehículos á par nalgún dos tramos. Para iso, faranse movementos de terra, construíndo muros de contención nalgúns puntos e compactando os anchos xerados para incluílos na calzada.

Ampliar a traza da carretera redundará na mellora das condicións de circulación e visibilidade, en definitiva, na mellora da seguranza viaria.

Seguidamente está previsto facer unha rehabilitación integral de todo o firme garantindo maior durabilidade da vía e máis comodidade para o usuario. Redundará neste propósito a canalización das augas pluviais a través de beiravías revestidas de formigón, pasos salva-beiravías, pozos de rexistro e outras intervencións propias para evacuar as augas dos escoamentos. Esta infraestrutura farase a maiores dos 6,50 metros da vía.

Finalmente, a actuación rematará coa instalación de medidas de calmado de tráfico e da sinalización tanto horizontal como vertical, que garantan unha maior seguridade tanto para peóns como para condutores.

Seguranza viaria e accesibilidade en seis parroquias

Este actuación na parroquia da Canicouva está incluída dentro un proxecto máis amplo que o Concello acomete dende primeiros de ano en seis parroquias distintas do rural para mellorar a seguridade viaria e accesibilidade en estradas que unen núcleos de poboación. 

Ademais da Canicouva, tamén forman parte deste proxecto actuacións na Peralba (Marcón); Rorís, Meán, Rial e Liñares (Lourizán), Casas Novas (Mourente), Ramallás (Lérez), Carballliños e Ferreiros (Campañó). Todas elas xa están en marcha.

O investimento global en todas estas melloras ascende aos 3.065.493,12 euros.

Local social de Cacheiro

Esta actuación na parroquia da Canicouva súmase a outras xa realizadas polo Concello de Pontevedra neste mandato como a rehabilitación do Local social de Cacheiro, inaugurado en marzo de 2021 e que supuxo un investimento de 200.000 euros. Un proxecto de arquitectura moi singular que chegou a estar incluído dentro das “Obras do ano” da plataforma March Daily, unha referencia mundial no sector da arquitectura.