Comeza a instalación da rede de auga potábel en tres edificios da rúa Cambria do barrio de Monte Porreiro

2

Ten un custe de case 40.000 euros e dará auga aos edificios número 2, 4 e 6 que se abastecen dun pozo. 

A Concellaría de Obras Urbanas que dirixe Demetrio Gómez inicia mañá as obras da nova rede de abastecemento de auga potábel á rúa Cambria, no barrio de Monte Porreiro. Trátase dunha das poucas zonas de vivenda colectiva do barrio que non dispón do servizo de auga corrente municipal, xa que se prové dun pozo.

As vivendas beneficiadas serán os edificios cos números 2, 4 e 6 e o  proxecto ten un investimento de 39.919,78 euros (Ive engadido).

Esta actuación forma parte do plan global proxectado no seu día para trasladar o modelo de cidade ao barrio de Monte Porreiro reformando as rúas Grecia e Alemaña. Logo de considerar que mudaran as prioridades de actuación no barrio, o Concello paralizou aquela actuación.

Naquel momento tamén anunciou que mantiña proxectos indispensables como este da rede de abastecemento da rúa Cambria, unha situación que se descubriu no momento en que se redactou a reforma de Grecia e Alemaña.