Nee Barros gaña o V Premio María Victoria Moreno convocado polo Concello e Cuarto de Inverno

253


A obra ‘Nom estamos quebrades’ en lenguaxe non binaria representa a a diversidade, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden ao relacionármonos en sociedade.

Ademais dunha dotación económica de 3.000 € a obra será editada e publicada en lingua galega cara o mes de abril da man da citada editorial

Esta mañá no Espazo Libro da Culturgal a editora de Cuarto de Inverno Andrea Jamardo deu a coñecer – acompañada do concelleiro de Normalización Lingüística Alberto Oubiña que acudiu hoxe ao fallo do Premio Maria Victoria Moreno en substitución da concelleira Carme Fouces e Luz Gallego, membro do xurado – o nome do gañador do V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil: Nee Barros, estudante, escritor e youtuber.

O premio promovido polo Concello que naceu hai 5 anos cando María Victoria Moreno foi a autora homenaxeada nas Letras Galegas “eleva a literatura infantil e xuvenil á categoría que merece. Esa literatura que María Victoria facía tódolos días e que as veces, non é tan recoñecida” apuntaba Oubiña antes de ceder a palabra a Andrea Jamardo.

Pola súa banda a editora de Cuarto de Inverno quixo “agradecer ás case 30 persoas que presentaron os seus orixinais a esta edición, ao Concello de Pontevedra e á familia de María Victoria. Reunímonos o pasado mércores e tal e como recolle a acta o xurado composto por Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Andrea Barreira Freije, en representación da familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo, en representación de Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario considerou como gañadora por maioría dos votos a obra que se presentou baixo o lema «Nom estamos quebrades» que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Nee Barros Fernández e con título definitivo Nom estamos quebrades

Da obra gañadora, escrita en lenguaxe non binaria, o xurado valorou da obra a representación das diferentes diversidades desde distintos prismas, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden ao relacionármonos en sociedade, a linguaxe non binaria, as referencias ao panorama literario e musical galego actual e a introdución de temas con pouca presenza na literatura galega.

Tal e como destacou Luz Gallego na súa intervención “Temnos unha nova promesa para a literatura galega. Identidade foi o seu primeiro título o ano pasado, moi ben acollido pola movidade da que Nee forma parte e tamén por lectores menos afeitos. Con Nom estamos quebrades pon o seu nome na literatura con forza. É unha historia que pivota entre dúas personaxes centrais: Eva, unha rapaza que non atopa o seu lugar no mundo, na procura da súa identidade sexual e o seu amigo  e cómplice Edu, que supón sempre unha axuda imprescindible e o seu pequeño fogar. Ten un ritmo narrativo equilibrado que destila honestidade na parella protagonista, numerosas citas ao seu universo musical onde atopamos a Mercedes Peón, Tanxugueiras, Ataque Escampe, Baiuca pero tamén referencias a firmas literarias como Lorena Conde, Eli Ríos, Eva Mejuto, Xela Arias e á obra Anagnórise, a obra máis traducida de María Victoria”. Para rematar Gallego quixo ler un parágrafo do libro: “Non hai nada errado en nós. O que non nomeamos é como se non existise. Que ben termos un sitio e podérmonos reivindicar. Iso é o importante: saber que non estamos quebrades”

A escritora e xurado Andrea Barreira quixo facer chegar unhas palabras á Nee a través de Andrea Jamardo: “gustaríame dar a noraboa a Nee Barros tanto polo premio como por este libro, no que amosa que a realidade é diversa e complexa. “Non estamos quebrades” é unha historia na que moitas persoas se poden ver reflectidas, non só aquelas coas calidades das personaxes principais, senón todas as que sentiron a presión do entorno para encaixar, creando nelas esa percepción de estar rotas por non facer o que, supostamente, se agarda delas. Desculpade que sexa un pouco abstracta esta parte, é que non quero destriparvos a historia. parabéns pola valentía en cada unha das escollas deste libro, a nivel lingüístico, a nivel personaxes, a nivel referentes. En “Non estamos quebrades”, na vida de Eva, de Edu, de Hafsa, de Laura, de Dani, de Luis… lese en galego e báilase ao son da música en galego”.

Foto2
Nee Barros co agasallo cerámico

Antes de ser agasallado cunha peza cerámica de Cabaliño do Demo coa frase de María Victoria Moreno coa frase  “eu non sei por que chora meu doce amigo, se teño a luz acesa e vés comigo” Nee quixo agradecer “todas as cousas lindísimas que acaban de dicir. Gañar este premio é algo que non podo describir con palabras. Teño 19 anos e hai tan só 3 anos era imposible de imaxinar. Ten un valor moir especial para min por diferentes motivos: entre o xurado hai persoas que admiro, publicar con Cuarto de Inverno e como non, pola vinculación co Salón do Libro onde eu medrei. Asintín dende os 4 anos, logo presentei unha gala, fixen actividades para rapazada, dinlle ao longo destes anos unha morea de apertas a Obil  (que nese intre subiu ao escenario a darlle unha máis). Agradezo as casualidades e sortes que me trouxeron aquí. O libro reivindica a amizade, pero quero agradecer tamén os coidados da miña familia, aínda que sexan cousas simples como facer a comida para permitir que eu adique o meu tempo a escribir; a Eva Mejuto que me falou do certame, ás persoas que aparecen no libro, ás que fan música, a amizade que me levou de festa por Santiago para poder falar no meu libro de lugares concretos, etc.”

Rematou salientando o importante de que se premie este libro “porque fala do mundo para as persoas que estamos nas marxes, ten unha protagonista autista, visibiliza ás persoas que son cuestionadas pola súa sexualidade, ás racializadas, etc. Porque eu vexo diversidade no meu entorno pero na literatura non adoita verse reflexada”

A obra premiada Nom estamos quebrades que segundo avanzou a editorial verá a luz cara o mes de abril, foi precedida por O bestiaro científico de Anxos Nogueirosa de Antonio Manuel Fraga, Ardora de Beatriz Maceda, Velloucas e minchas de Lorena Conde e O segredo de Al´eume de Pilar Ortega, gañadoras en anteriores edicións.