A aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos Capital GastroLab financiará os dous proxectos finalistas: ‘O río como prato principal’ e ‘Spanishbox’

64
  • Os galardóns, que se traducirán en axudas de 9.000 euros para cada iniciativa, foron recollidos esta mañá no Gastroespazo do Mercado polos seus impulsores, Toño Escudero e Purificación Alfonso, de mans do concelleiro Iván Puentes e o deputado provincial Carlos López Font, coincidindo coa xornada de clausura do I Foro Think Tank de Gastronomía e Sostibilidade
  • O laboratorio de ideas, organizado pola Concellería de Promoción Económica grazas ao financiamento da Deputación, desenvolveu unha mesa redonda sobre ‘O emprendemento en gastronomía: novos modelos de negocio’, moderada polo xornalista Álex Espiño e na que interviron a CEO de BGreen, Patricia López; a de Salmoira, Elena Vitoria; o de Bluscus, Pablo Mariño; as responsables do espazo gastronómico Via Nai, Silvia Massetti e Mercedes Murga, e o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje), Jesús Rey

O carácter innovador, enorme interese e alto impacto de ámbalas propostas no mundo do emprendemento levou ao xurado da aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos Capital GastroLab a decidir financiar finalmente aos dous proxectos finalistas desta primeira edición: ‘O río como prato principal’ e ‘Spanishbox’. Os galardóns, que se traducirán en axudas de 9.000 euros para cada iniciativa (que serán aboadas, non directamente, senón en servizos e necesidades para a súa posta en marcha), foron recollidos esta mañá no Gastroespazo do Mercado de Abastos polos seus impulsores, Toño Escudero (‘O río como prato principal’) e Purificación Alfonso (‘Spanishbox’), de mans do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e o deputado provincial Carlos López Font, coincidindo coa xornada de clausura do I Foro Think Tank de Gastronomía e Sostibilidade.


Estes proxectos foron elixidos de entre os cinco preseleccionados e presentados en abril deste ano a unha mesa de expertos encabezada pola ‘madriña’ Eva Ballarín (que non puido estar hoxe por problemas de saúde, pero virá pronto á cidade para presentar as conclusións do Think Tank). O de Rutas ‘O Río como Prato’ (Ultramarinos) é unha iniciativa que ten como eixo central o desfrute do río como elemento de lecer e cunha finalidade gastronómica, a través de diversas rutas e eventos gastro; e no caso de ‘Spanishbox’, trátase dunha proposta que consiste nun servizo de envío periódico de caixas de subscrición de comida española a domicilio (con alcance xeográfico ata a Unión Europea e os países do espazo Schengen, sen descartar nun futuro amplialo a outros continentes).


O acto de entrega dos galardóns serviu de colofón ao foro de expertos que se celebrou ao longo destes días e que hoxe acolleu unha mesa redonda sobre ‘O emprendemento en gastronomía: novos modelos de negocio’, moderada polo xornalista Álex Espiño e na que interviron a CEO de BGreen, Patricia Fernández; a de Salmoira, Elena Vitoria; o de Bluscus, Pablo Mariño; as responsables do espazo gastronómico Via Nai, Silvia Massetti e Mercedes Murga, e o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje), Jesús Rey. Ademais, tal e como aconteceu nas xornadas do sábado e o domingo, a clausura do laboratorio de ideas, organizado pola Concellería de Promoción Económica grazas ao financiamento da Deputación Provincial, incluíu unha nova ‘cata’, neste caso un Bar Talent Show maridado con bocados do Gastroespazo.


Segundo sinalou Yoya Blanco, “este Think Tank artellouse como unha especie de cocteleira na que profesionais con distintos perfís reflexionaron sobre un tema tan de actualidade como a gastronomía e a sostibilidade, deixando ben clariño que, lonxe de ser unha moda, a sostibilidade na gastronomía é fundamentalmente unha tendencia, ou máis ben case unha obriga”. En relación á decisión do xurado da aceleradora Capital GastroLab de entregar o premio aos dous finalistas, a concelleira do PSOE asegurou que se trataba de “proxectos moi interesantes e de alto impacto no mundo do emprendemento, un no local e outro no internacional”.


“A iniciativa ‘O río como prato principal’ pretende impulsar a actividade gastronómica e turística para descubrir a gastronomía da cidade e a beleza do río -apuntou Álex Espiño- a través dunha actividade saudable, fomentando o intercambio cultural na cidade a través dun proxecto a medida para o público, baseado na convivencia, compartindo experiencias gastronómicas e turísticas e intereses culturais e históricos desde unha modalidade de deporte urbano ideal para a nosa cidade e difundindo de xeito didáctico a cociña e historia do río Lérez e o respecto co medio ambiente tan ligado ao noso modelo de cidade. ‘Spanishbox’ é un servizo de envío periódico de caixas de subscrición de comida española a domicilio, dirixido ao colectivo de españois residentes en países da UE e que está inspirado nas propias experiencias da promotora cando residiu en diferentes países. Trátase dun marketplace internacional que proxecta de maneira magnífica a gastronomía de Galicia e de España”.

Para máis información sobre os relatores:


– Pablo Mariño, de Bluscus: https://bluscus.es/

– Patricia López, de BGreen(un dos 8 proxectos seleccionados para Turislab, a Aceleradora Galega de Proxectos Turísticos da Xunta de Galicia): https://bgreencommunity.com/ 

– Silvia Massetti e Mercedes Murga, de Via Nai: https://vianai.es/ 

– Elena Vitoria, de Salmoira (un dos 8 proxectos para Turislab): https://salmoira.es/ 

– Jesús Rey, presidente de Aje Pontevedra (que falará sobre a necesidade de emprendemento de calidade e do que Aje pode facer polos emprendedores/as): https://www.ajepontevedra.es/