Conclúe a primeira fase da implantación da compostaxe individual no rural pontevedrés

18

O 70% das vivendas das parroquias teñen un composteiro municipal, máis de 4.000 domicilios.

O Concello reservarase 1.500 composteiros máis para novas vivendas, reposicións… e rescindirá o contrato e entregará o stock á empresa adxudicataria.

A Xunta de Goberno acepta a cesión de parcelas en Salcedo e Ponte Sampaio para executar o campo de fútbol de Salcedo e unha vía en Acevedo.

Confírmase o incremento do 3,5% para os funcionarios municipais, ao aplicar o 1,5% con carácter retroactivo dende xaneiro de 2022. 

A Concellaría de xestión dos residuos urbanos, que dirixe Raimundo González, dá por rematada a primeira fase de implantación da compostaxe individual no rural pontevedrés dunha maneira moi exitosa. A día de hoxe o 70% das vivendas habitadas no rural teñen un composteiro facilitado polo Concello, é dicir, 2/3 das viviendas, máis de 4.000 domicilios.

A Xunta de Goberno Local a proposta da Concellaría acorda a rescisión do contrato de subministro dos composteiros individuais que fora de 8.000 composteiros. Reserva uns 1.500 para ofrecer ás novas vivendas que se constrúan ou rehabiliten, para reposicións, e devolverá o stock restante á empresa adxudicataria.

A Compostaxe individual é unha das tres patas da compostaxe municipal, unha aposta decidida do Goberno Local por implantala en todo o Concello e pioneira en Galiza.. Este sistema verase reflectido no vindeiro contrato de xestión dos recursos municipais.

Cesións de parcelas en Salcedo e Ponte Sampaio

A Xunta de Goberno Local tamén informou esta mañá da aceptación da cesión dunha parcela de 3.900 m2 propiedade da Comunidade de montes de Salcedo, para iniciar o proxecto de reforzo de enerxía eléctrica que permitirá a construción do campo de fútbol de Salcedo.

Este proxecto de reforma de enerxía eléctrica ten un custe de 32.248,4 euros.

Tamén a Xunta de Goberno aprobou a cesión de cinco parcelas propiedade doutros tantos titulares, situadas no lugar de Acebedo (Ponte Sampaio) cunha superficie total de 817 m2 para poder executar unha vía parelela ao Paredón que permita unha mellor conservación deste ben etnográfico do rural.

Incremento dos soldos públicos até o 3,5%

A Xunta de Goberno tamén recolleu hoxe a proposta do incremento do 1.5% dos salarios aos traballadores e traballadoras municipais, completando o máximo do 3,5% que autorizaba o Goberno do Estado de incremento das masas salariais dos empregados públicos.

Este incremento supón para as arcas municipais máis de 269.000 euros entre os meses de xaneiro e outubro, xa que o incremento do 1,5% aplicarase con carácter retroactivo. Esta contía pagarase en concepto de productividade a final de ano, ao que se lle sumarán os meses de novembro e decembro que non están incluídos naquela cifra.