O alcalde sinala que en Abu Dhabi «quedou constatado» o nome de Pontevedra a nivel mundial dentro do triatlón

11
A bandeira da Gran FInal das Series Mundiais xa está no Concello e será colgada no futuro nalgún punto simbólico da cidade para iniciar a conta atrás da gran cita deportiva 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo esta mañá un balance da viaxe realizada até Abu Dhabi co fin de participar no acto institucional da entrega de bandeira que fai que a Boa Vila sexa sede da Gran Final das Series Mundiais de Triatlón, e nas diferentes reunións de traballo e seguimento realizadas pola comisión organizadora do evento.

«Constatamos que Pontevedra é un referente no triatlón a nivel mundial no referido a eventos deportivos neste eido», explicou o rexedor. «Somos a cidade que máis eventos ten realizado de todas as categorías: mundiais, europeos, nacionais, multideporte, duatlón… Hai unha clara avidez de todos os practicantes cos que falamos por vir no 2023 até Pontevedra».

Lores sinalou que todos os directos deportivos lle ofreceran os seus parabéns, así como os presidentes das federacións e dos deportistas cos que mantivo contacto. «Todo o mundo  co que falamos confirmou o obxectivo de estar na cidade o ano que vén. Saben que vai ser a mellor proba da historia dentro desta disciplina. Estamos motivados e listos para facelo posíbel. Os mellores competidores deste deporte van estar aquí, pois é a última proba importante antes das Olimpíadas».

«A imaxe de Pontevedra como organizadora dun Campionato do Mundo está conseguida e agora toca promover un valor engadido, todo o relacionado cos eventos paralelos á proba, na procura dunha experiencia diferente e máis completa. Queremos que a xente veña antes ou eu que quede para coñecer as Rías Baixas, para gozar de Pontevedra e de Galiza», lembrou o alcalde. «Faremos paquetes turísticos, achegaremos a nosa gastronomía e facilitaremos que todas estas persoas, que serán entre 12.000 e 15.000 coñezan o Camiño de Santiago, os nosos tesouros etnográficos ou as rutas do viño da zona, ou o parque natural das Illas Atlánticas».

Doutra banda, o rexedor afirmou que a bandeira recollida en Abu Dhabi será posta á vista da cidade de Pontevedra co fin de simbolizar a conta atrás que comeza xa para esta cita deportiva, social e cultural.