Yoya Blanco: “O Nadal vai tomar as rúas de Pontevedra e vaino facer a partir desta fin de semana”

40
  • A concelleira de Promoción Económica e Turismo anuncia o inicio dos traballos para dotar ao Mercado de Abastos “dunha decoración absolutamente espectacular, na que poderemos sacar a primeira foto do Nadal de Pontevedra a partir desta fin de semana”
  • O departamento que dirixe a socialista destina máis de 40.000 euros a engalanar o edificio da rúa Serra cun decorado que estará protagonizado por tres fascinantes peixes artísticos con iluminación interior (un de 2,50 metros de lonxitude e outros dous dun metro) que se instalarán na fachada; tres esferas inchables: unha bola de 80 cm de diámetro, unha de 60 cm e outra de 50 cm; unha burbulla photocall de dous metros de diámetro dotada dunha plataforma cunha mensaxe de Feliz Nadal e o recubrimento das bancadas de peixe cun tecido de veludo fantasía en cor verde

“Á marxe de que son nai, teño fillos pequenos e de que as festas de Nadal teñen carácter sagrado na miña casa, son absolutamente consciente da importancia que estas datas teñen para o comercio e a hostalería locais, e esta campaña, en plena crise de prezos, máis que nunca. O Nadal vai tomar as rúas de Pontevedra e vaino facer a partir desta fin de semana”. Deste xeito anunciou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, o inicio dos traballos para dotar ao Mercado de Abastos e ao seu Gastroespazo “dunha decoración absolutamente, na que poderemos sacar a primeira foto do Nadal en Pontevedra, agardamos que a partir deste sábado ou domingo”.


Segundo avanzou a edil do PSOE, o seu departamento tamén ten previsto iniciar nos vindeiros días na Alameda a montaxe das carpas nas que se desenvolverán actividades enmarcadas no programa Ponte Xogos, das que os nenos e nenas poderán desfrutar mediante tíckets de compras realizadas no comercio local. “A idea é instalar diversas carpas con decorados e iluminación de Nadal e actividades divididas en función das idades… Deixaremos unha Alameda fermosa e agardemos que todo estea listo para desfrutar xa para despois da ponte da Constitución”, afirmou Yoya Blanco.


Como vén sendo habitual nos últimos anos, os elementos de decoración e iluminación que comezaron a instalarse no Mercado de Abastos non deixarán indiferentes a ninguén. A Concellería de Promoción Económica volverá confiar nas firmas especializadas Inbloom, Grupo Xesdavi e Begoña Méndez Iribarren para despregar todo un universo de fantasía nas instalacións da rúa Serra, cun orzamento que en conxunto supera os 40.000 euros.


A decoración navideña estará protagonizada por tres fascinantes peixes artísticos con iluminación interior (un de 2,50 metros de lonxitude e outros dous dun metro) que se instalarán na fachada; tres esferas inchables: unha bola de 80 cm de diámetro, unha de 60 cm e outra de 50 cm; unha burbulla photocall de dous metros de diámetro dotada dunha plataforma cunha mensaxe de Feliz Nadal e os logotipos do Mercado e a Concellería de Promoción Económica, e unha composición de burbullas de varios tamaños na fachada.


A intervención de Inbloom incluirá unha montaxe central que combinará bolas de fantasía con bolas verdes de vexetación no Gastroespazo; instalacións laterais de musgo vermello e amaranto nas zonas de acceso; o recubrimento da parte superior das bancadas dos postos de peixe cun tecido de veludo fantasía en cor verde; diversas grilandas con elementos naturais; un arco realizado con elementos vexetais colgantes (para dar sensación de túnel) na entrada principal; a vexetación interior da burbulla photocall e árbores para as ventás da fachada. 
Tal e como subliñou Yoya Blanco, “a iluminación tampouco vai defraudar e contempla a instalación de 15 focos Led W600, 6 bolas de espellos de 50 cm e 5 de 20 cm, un microled icicle no arco de entrada e 6 tiras de bombillas de dous metros”.