A DXT eloxia o traballo feito por Pontevedra á hora de liderar e promover unha mobilidade segura e sostíbel nas cidades

16
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, inaugurou a 57ª convención de Directivos da Dirección General de Tráfico cunha conferencia sobre a transformación urbana lograda na Boa Vila 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá de mércores no acto inaugural da 57ª convención de Directivos da Dirección General de Tráfico (DGT) que ao longo de varias xornadas, o entre o 29 de novembro e o 1 de decembro, congrega na Boa Vila a todos os directores provinciais do Estado así como a todo o equipo e altos cargos deste organismo.

Ademais da intervención inicial, acompañado da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o director xeral de Tráfico, Pere Navarro, o rexedor da cidade ofreceu unha conferencia co obxectivo de aportar unha visión global da transformación urbana realizada na cidade, explicando e definindo os elementos aplicados durante a mesma, como a creación de rúas con plataforma única, os límites de velocidade, a instalación de pasos de peón elevados e demais ferramentas. 

Lores lembrou que a cidade de Pontevedra sempre mantivo unha relación moi cordial, xa que «dentro dos organismos supramunicipais, a DXT sempre nos apoiou, acompañou e axudou no modelo de Pontevedra». Doutra banda, fixo fincapé que esta relación tivo un momento especial a través da persoa de Pere Navarro, director xa na anterior etapa do goberno socialista no Estado, «se ben a relación coa institución sempre foi boa».

O alcalde logrou na súa intervención chamar a atención dos presentes coas medidas tomadas na cidade, vangardistas no seu momento, e emuladas logo co tempo por outras vilas e cidades. Após a conferencia, o rexedor e os edís Eva Vilaverde, Anabel Guías e Demetrio Gómez fixeron de guías polas rúas de Pontevedra para amosar nas mesmas e facer reais e visíbeis todas as ideas lanzadas durante a conferencia.

Pola súa banda, Pere Navarro amosou a súa sorpresa e interese en medidas aplicadas en Pontevedra coma os estacionamentos de servizos co fin de evitar tráficos de axitación innecesarios e negativos para as cidades. «É un tema que non está resolto nas cidades e aquí existe a fórmula para poder parar un intre, para poder deixar a unha persoa. É algo que só está aquí. É unha idea moi potente e creo que pouco a pouco os Concellos avanzarán nesta idea, na de permitirlle ás persoas parar e arrancar nun momento e non en aparcar, pechar o coche e irse», explicou.

«Hai Concellos que cren que ter centros comerciais nas aforas é algo que lles dá prestixio, ese modelo de que sábado e domingo toda a familia vai pasar o día ao centro comercial… Pontevedra tomou unha decisión arriscada e creo que leva á reflexión», sinalou Navarro, así como a ausencia de mortes por violencia viaria na contorna urbana de Pontevedra desde o 2011, «as zonas 30 deron un resultado asombroso en todo o país, pero cando vés aquí xa ves que é así desde hai moitos anos. A nosa presenza quere recoñecer o traballo feito por Pontevedra, e o moito que axudou ao resto de vilas, por ser ese tractor no tema da mobilidade segura e sostíbel nas cidades».