O Ganapán convida aos máis pequenos a pasar a fin de semana e a ponte da Constitución no Gastroespazo do Mercado

6
  • O calendario de actividades prolongarase durante cinco días, nos que a rapazada poderá cociñar receitas de Welsh cakes, torta de mazá, pera e chocolate, brunch con grelos e cogomelos, roliños de chocolate e bombóns de cacahuete e chocolate
  • Haberá obradoiros creativos nos que os nenos e nenas participantes terán ocasión de deseñar libélulas de cores, crocodilos, pulseiras, colares e aneis, arañas de patas longas e complementos de superheroes como Spiderman, Batman ou a Muller Marabilla

Achéganse os festivos da Constitución e a Inmaculada Concepción e O Ganapán, o programa de lecer infantil impulsado pola Concellería de Promoción Económica no Mercado de Abastos, convida á rapazada de 4 a 10 anos a desfrutar desta longa ponte pasándoo en grande no Gastroespazo. O calendario de actividades deseñado para este inicio de decembro prolongarase durante cinco días (sábado 3, domingo 4, luns 5, martes 6 e xoves 8), nos que os máis pequenos poderán cociñar receitas de Welsh cakes, torta de mazá, pera e chocolate, brunch con grelos e cogomelos, roliños de chocolate e bombóns de cacahuete e chocolate.


Ademais, haberá obradoiros creativos nos que os nenos e nenas participantes terán ocasión de deseñar libélulas de cores, crocodilos, pulseiras, colares e aneis, arañas de patas longas e complementos de superheroes como Spiderman, Batman ou a Muller Marabilla. Tal e como lembra a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “aqueles rapaces e rapazas que desexen somerxerse nestas xornadas de diversión deberán reservar a súa praza previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, indicando na mensaxe as posibles alerxias ou intolerancias”. “Tódolos talleres desenvolveranse en horario de 11:30 a 13:30 horas. Como sempre, recomendo encarecidamente vir cunha friameira para levar a casa a receitas elaboradas”, sinala a edil do PSOE.


O programa dará comezo este sábado 3 cun taller no que os nenos e nenas aprenderán a cociñar os Welsh cakes, unha popular masa galesa que é unha mestura entre galletas, bolos e tortiñas (pero con personalidade propia) e outro no que confeccionarán unhas libélulas de cores moi bonitas. Para o domingo 4 de decembro están previstos un obradoiro no que se elaborará unha torta de mazá, pera e chocolate, moi suave e gorentosa, e outro no que o protagonista será un réptil moi especial: o crocodilo.


O luns 5 de decembro, os pequenos realizarán a choco-versión dos famosos rolos de canela e deseñarán uns súper complementos dos seus heroes e heroínas favoritos, como Spiderman, Batman ou a Muller Marabilla, mentres que o martes 6 poderán papar uns grelos e champiñóns en forma de muffin e elaborar pulseiras, colares e aneis.
A programación proseguirá o xoves 8 de decembro cuns talleres nos que os participantes terán ocasión de preparar unha receita moi especial de bombóns de cacahuete e chocolate e facer unhas arañas de patas longas ben simpáticas.