Pontevedra sumarase este sábado 3 de decembro ao acto reivindicativo polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade ‘Baixo o mesmo paraugas’

20
  • A iniciativa, que tamén se convocou na Coruña, Ourense e Vigo e que conta coa colaboración da Concellería de Benestar Social, desenvolverase na Praza da Ferrería a partir das 12:00 horas

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, participará este sábado 3 de decembro ás 12:00 horas no acto reivindicativo ‘Baixo o mesmo paraugas’, organizado na Praza da Ferrería co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade e que se celebrará en paralelo en Pontevedra, A Coruña, Vigo e Ourense. Como en anteriores edicións esta iniciativa, na que participarán máis de 100 asociacións de discapacidade de toda Galicia (entre elas Xoga, Aspace, Down Xuntos, Asearpo, Asseii ou Adicam) e que conta coa colaboración do Concello capitalino e a Deputación Provincial, pretende converterse nunha xornada para reclamar os dereitos das persoas con diversidade funcional, convidando a toda a cidadanía a traer os seus paraugas de cores.

Ademais de na Ferrería, tamén haberá concentracións de paraugas na Praza Maior de Ourense (11:30 horas), na Praza da Estrela de Vigo (12:00 horas) e no Parrote, en Coruña (12:00). Unha acción que, tal e como sinala o socialista Marcos Rey, “irá acompañada ese mesmo día do acendido de diferentes edificios municipais con iluminación de cor verde: a Casa Consistorial de Pontevedra, a Casa Rosada de Poio e o Consistorio de Cangas”. “O acto da Ferrería -matiza o edil do PSOE- contará con servizo de interpretación de lingua de signos a través do programa Comunico, da Concellería de Benestar Social”.