Monte Porreiro estreará en xaneiro do vindeiro ano un parque canino de 1.100 metros cadrados na zona verde situada a carón da Galiña Azul

62
  • As concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal destinaron 47.833,48 euros á dotación deste parque, que foi adxudicado á empresa Naturgalia SL e que contará cunha estrutura de pérgola con teito de chapa para refuxiarse da choiva ou o sol, unha fonte de aceiro inoxidable, bancos, papeleiras e un poste para que as mascotas ouriñen
  • Iván Puentes agarda que a instalación da pista multideporte da Praza de Europa se poña en marcha o vindeiro luns 12 de decembro, permitindo que a apertura ao público durante as vacacións de Nadal

A empresa Naturgalia SL vén de poñer en marcha os traballos que permitirán dotar ao barrio de Monte Porreiro dun parque canino de 1.100 metros cadrados de superficie nunha ampla zona verde situada a carón da Galiña Azul (nas inmediacións do Centro de Saúde, entre as rúas Reino Unido, Luxemburgo e Bélxica). O novo espazo de paseo de mascotas, impulsado polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e de Benestar Animal cun orzamento de 47.833,48 euros, terá tódolos seus elementos instalados cara mediados de mes, se ben os veciños e veciñas deberán agardar só un pouquiño máis, ata principios de xaneiro de 2023 para estrealo, ao teren que plantarse céspede antes de abrilo ao público.


Trátase do primeiro dos tres parques caninos proxectados polos departamentos que dirixen os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey, estando previstos outros dous en Campolongo e en Valdecorvos (na Praza das Regas). A intervención contempla o pechamento da parcela cun panel de malla electrosoldada, acabado en lacado verde e postes de perfil oco de sección rectangular; a plantación de dúas árbores; a subministración e instalación dunha porta de paso de 1×1,5 metros; dúas fontes de aceiro inoxidable combinada para persoas e animais; dúas papeleiras cilíndricas de 80 litros de fundición de aluminio; un poste para que os cans ouriñen; dous bancos; un sistema de rega con aspersores e unha estrutura de pérgola en madeira de piñeiro vermello cunha altura de 2,30 metros e un teito de chapa sándwich (que servirá para refuxiarse da choiva ou o sol).

O inicio das obras foi supervisado esta mañá por Puentes e Rey nunha visita na que estiveron acompañados pola xefa do Servizo de Medio Ambiente, María Formoso, e por responsables da firma Naturgalia. Tal e como lembrou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, “coa posta en marcha destes traballos saldamos outro dos compromisos adquiridos na reunión mantida este verán coa veciñanza de Monte Porreiro, dotando ao barrio de insfraestruturas que buscan incrementar a súa calidade de vida e opcións de práctica deportiva, neste caso das súas mascotas”. “Hai unhas semanas comezamos as actuacións para crear unha pista multideporte na Praza de Europa, cun orzamento de 53.805,29 euros. Trala pavimentación deste contorno, a empresa Garocaprim SL iniciará o luns 12 de decembro a instalación de tódolos elementos da pista, polo que agardamos que se poida abrir e a rapazada comece xa utilizala durante as vacacións de Nadal”, avanzou Iván Puentes. As obras completaranse cunha mellora paisaxística e a instalación de diverso mobiliario.


Segundo apuntou Puentes, a dilación nos trámites administrativos para poder executar o parque canino previsto nos terreos de Tafisa, pendente do permiso de Costas, levou ao Concello de Pontevedra a optar por crear varios parques de entre 700 e 1.100 metros cadrados distribuídos en puntos da cidade cunha elevada poboación de cans, dando así servizo ao maior número posible de usuarios no menor tempo posible. Neste sentido, Marcos Rey lembrou que a cifra de cans censados na nosa cidade ronda os 16.000 e, ante a carencia actual de espazos nos que os animais poidan moverse libremente, “a xeración destas zonas de paseo e xogo é prioritaria de cara a mellor a convivencia entre as mascotas e a cidadanía”.


Tanto o parque de cans de Monte Porreiro como os que se farán en Campolongo-Os Gafos e Valdecorvos, todas elas zonas da cidade cunha elevada poboación de mascotas, financiaranse con cargo a unha modificación de crédito aprobada cun montante global de 122.722,68 euros.