Concello e Espazo Coop asinan o protocolo que permitirá a creación da primeira aceleradora de economía social na Galiza

122
A sede da aceleradora será instalada no edificio do antigo conservatorio unha vez finalice a súa rehabilitación
O obxectivo do acordo entre o colectivo e o ente municipal é a promoción do cooperativismo, da economía social e do emprendemento en toda a comarca 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou esta mañá un protocolo de colaboración entre o Concello e a Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop. Trátase dun acordo co fin de promocionar o cooperativismo, a economía social e o fomento do emprendemento social en Pontevedra.

O rexedor estivo acompañado de Ana Olveira, presidenta deste colectivo, e ambos os dous sinalaron que o protocolo parte dun acordo para instalar na Boa Vila a primeira aceleradora de economía social de Galiza nun espazo físico, que desta ocasión será o antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII. 

«Desde o Concello levamos moito tempo pensando e ideando como asentar un sistema creativo e innovador na cidade. É un proxecto meditado e traballado que permitirá utilizar o antigo conservatorio para estes fins», explicou o alcalde. «Haberá outros usos, tal e como comentamos o día que presentamos o plan de rehabilitación deste edificio, que xa ten financiamento a través dos fondos europeos, e nese sentido cremos que hoxe é un día realmente para Pontevedra, ao poder confirmar que será sede da primeira aceleradora de economía social no país».

Lores explicou que os motivos desta elección por parte de Espazo Coop veñen a través do crecemento e o traballo realizado no municipio ao longo de todos estes anos con base na creatividade, poñendo de exemplo o desfile de Debut, ou a feira de Etiqueta Negra, Pont-Up Store, o clúster de comercio electrónico —que tamén escolleu Pontevedra como base—, o congreso Flúor de comunicación… «Este é un paso máis nesa liña. Estamos realmente encantados de que a asociación de cooperativas nos escollese e queira traballar con nós», finalizou o rexedor.

Pola súa banda, Ana Olveira agradeceulle ao Concello «por ter a iniciativa e por pensar na economía social e darlle cabida neste proxecto, que vai máis alá desta parte, sendo un proxecto dinamizador do emprego, da economía e da cidade». «Prestaríame resaltar que este protocolo o único que vén a demostrar é o traballo previo que se leva feito ao longo destes anos. Non é algo improvisado, é algo meditado, é un proxecto froito da colaboración entre a miña entidade e o Concello».

Ademais, a presidenta do colectivo sinalou que a economía social e as empresas que a practican poñen no centro as persoas, «igual que o modelo de cidade aplicado en Pontevedra o fai». «Que quere dicir isto? Que as decisións non se toman só desde unha perspectiva económica, e seguimos sendo empresas rendíbeis, senón que tamén temos en conta a todas as persoas que forman parte das mesmas. A economía social aporta a Galiza un 8 % do PIB. Falamos dunha economía de primeiro nivel, case á mesma altura que o turismo, que aporta un 10 %».

Olveira explicou que esta aceleradora creará un ecosistema que permitirá que estas empresas «se asenten na cidade de Pontevedra». «O espazo estratéxico que forma Pontevedra é unha clave á hora de traer a aceleradora a este lugar. A provincia de Pontevedra lidera o crecemento de cooperativas nos últimos anos e isto forma parte da decisión. Imos tratar de que o ecosistema permita testar os modelos de negocio e implantar as ferramentas necesarias para que esas persoas que queren emprender ou queren darlle unha volta á súa empresa poidan facelo a través dun programa de formación nun espazo físico permanente todo o ano. Actuaremos de xeito conxunto e rápido, e non terán que esperar a unhas convocatorias puntuais ou a uns espazos efémeros».