O Concello abre unha vía para recuperar os balóns ‘perdidos’ tralos muros de Santa Clara

86
A través dun correo electrónico, o interesado ou interesada pode realizar unha petición na que debe ser incluída unha descrición da pelota 
Ao ser Barcelos unha das zonas de xogo máis populares da Boa Vila, aínda hoxe seguen a caer balóns no xardín do antigo convento 

Non son poucos os balóns que ao longo da historia caeron —e a maioría perderon— tralos muros de Santa Clara. O parque de Barcelos segue a ser unha ampla zona de xogo que crianzas da cidade utilizan para socializar e divertirse, un feito que as veces quedaba interrompido por un golpeo demasiado forte dunha bóla e que esta acabase no xardín do antigo convento, irrecuperábel na maioría dos casos.

Así, o Concello de Pontevedra quere que os nenos e nenas que perderan ou perdan no futuro un balón deste xeito non queden sen a súa prezada posesión. A partir do día de hoxe, a veciñanza poderá recuperar o obxecto perdido solicitando a procura do mesmo a través do correo electrónico comunicacion3@pontevedra.eu. Tamén poden facelo a través da conta oficial de Twitter e do Instagram da institución local. 

O único que se pide é unha descrición o máis exacta da pelota posíbel, para que o persoal poida logo facer unha pesquisa entre as diferentes ducias de balóns que hai en Santa Clara, se ben é certo que algúns levan moitos anos xa entre estas paredes. Cómpre sinalar que o Concello está a preparar unha mostra especial que percorrerá e amosará como tamén é posíbel amosar unha cronoloxía histórica a través dos balóns que foron caendo neste novo espazo municipal, amosando tendencias futbolísticas e deportivas.