O Concello aproba a licenza para que Aldi comece coa súa instalación na planta baixa de Vialia

63
A entrada para o novo supermercado estará situada no lateral do edificio, mirando cara a estación do tren, onde tamén se situará a entrada para o cinema
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, sinala o positivo dunha nova deste tipo, ao permitir ampliar e mellorar os servizos desta zona 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá de luns, 12 de decembro, en rolda de prensa dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. Dentro dos puntos incluídos na orde do día, figuraba a concesión de licenza para o supermercado Aldi situado en VIalia.

A intención de abrir un novo establecemento neste espazo era algo xa sabido na cidade desde hai uns meses, recuperando no camiño un equipamento «que estaba certamente en desuso, ao estar á maior parte de locais do seu interior pechados», sinalou Gulías. «Son boas novas que Aldi siga para adiante con este proxecto, xa non só pola recuperación deste equipamento, senón tamén polo tipo de negocio que é: estamos a falar dun supermercado que vén a dar servizo a un barrio ou unha comunidade que favorece esa máxima coa que o Concello traballa para que todos os barrios teñan a maior cantidade de servizos posíbel».

«A concesión de licenza tivo certa complexidade, pois para poder concedela houbo que facer unha serie de modificacións nos locais que estaban aínda abertos, como é o caso do cinema», sinalou a portavoz. «Deste xeito, e tamén aparece contemplado na orde do día da XGL, os servizos de Urbanismo quixeron levar de forma paralela os expedientes das dúas cousas: do supermercado e da modificación destes espazos para poder facelo o máis áxil posíbel».

Que mudará do que hoxe coñecemos como Vialia? A fachada principal pasará a situar só a saída de emerxencia do cinema —hoxe hai dúas entradas e saídas normais—, namentres as entradas e saídas principais do complexo quedarán situadas no lateral que conecta coa estación de tren e o aparcadoiro soterrado. As billeteiras, antes situadas na planta baixa, quedarían situadas no acceso ao propio cinema. 

«A esta licenza hai que engadirlle unha sobre o mesmo aparcadoiro, no que Aldi para un propio para o supermercado, con 67 prazas para vehículos de catro rodas e 5 prazas para vehículos de dúas rodas», explicou a edil. «Por resumir, cómpre lembrar que é unha obra que conta cun orzamento de 837.647,14 euros».

A reconfiguración de Vialia incluirá tamén a reforma dos aseos públicos, que se retirarán uns metros máis cara atrás da súa localización actual.